div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A Radio Galega retransmite esta fin de semana a última xornada de 2024 na Liga Profesional

O sábado destacan o Celta-Real Sociedade e o Zaragoza-Rácing de Ferrol, e o domingo, o Deportivo-Mirandés

crtvg.gal 19/12/2024 17:00

Santiago, 19.12.2024.-    A Radio Galega chega esta fin de semana á última xornada de ano 2024 na Liga de Fútbol Profesional. O fútbol marcha de vacacións ata o 3 de xaneiro, a diferenza do baloncesto, un deporte que, como é tradición, mantén os calendarios regulares durante as datas do Nadal.

O venres, desde as 20:30 h, Roberto Carlos Carballo conduce o ‘Galicia en Goles’ ata as 00:00 h, con atención especial á xornada da Primeira Federación de baloncesto. O Obradoiro visita a cancha do Castelló, coa dirección no banco dun técnico interino tras o despedimento de Gonzalo Rodríguez. Mentres, o Ourense recibe no Paco Paz o Betis coa intención de facer esquecer aos seus afeccionados o mal partido da xornada pasada en Palencia.

O sábado, desde as 14:30 h, Xoán Galán dirixe unha edición con protagonismo para o fútbol de Primeira División, co Celta-Real Sociedade desde o estadio de Balaídos. O equipo de Claudio Giráldez está sendo sólido na casa e nesta xornada debe demostralo ante un rival que volve aspirar a postos europeos na clasificación.

Cando remate o encontro de Vigo comezará na Romareda a segunda función do día, coa visita do Rácing de Ferrol ao Real Zaragoza. O equipo de Cristóbal semellaba estar recuperado tras gañar en Xixón por 1-3, pero o mércores volveu ser goleado na Malata, desta volta polo Almería. Na cidade do Pilar tampouco están contentos e o martes pola noite, tras perder diante do Real Oviedo, o preparador Víctor Fernández anunciaba a súa dimisión. O programa tamén estará pendente do fútbol da Segunda RFEF, coas saídas do Compostela a Valladolid e do Pontevedra a Ávila.

Xa o domingo, o interese estará posto en Riazor desde as 14:30 h, coa retransmisión do encontro da Segunda División entre o Deportivo da Coruña e o Mirandés, un conxunto que se converteu este curso na revelación do campionato. Durante a tarde, o programa conectará co Coruxo-Guijuelo, Bergantiños-Raio Cantabria e Torrelavega-Fabril, da Segunda RFEF. A xornada da Terceira RFEF e o balonmán da Liga Asobal co Cangas-Anaitasuna completarán a axenda de conexións do día.

Retransmisións en AgalegaAudio.Gal

O deporte tamén estará presente esta fin de semana na plataforma AGalegaAudio.gal. O sábado, a partir das 17:55 h, o Pazo de Lugo acollerá o Breogán-Xirona. Vai ser o primeiro encontro de Luis Casimiro na casa, tras dirixir os dous primeiros partidos a domicilio. No equipo catalán vai ser a estrea do preparador santiagués Moncho Fernández.

O domingo, a edición matinal de ‘Galicia en Goles’ chegará desta volta a través da páxina web, xa que pola FM estará en antena durante toda a mañá o sorteo da lotaría do Nadal. Desde as 11:45 h, os oíntes poderán seguir o Básquet Coruña-Joventut, da Liga ACB, xunto a tres citas da Primeira RFEF: Sestao-Celta Fortuna, Segoviana-Lugo e Real Sociedade B-Ourense. Completa o cadro de conexións a cita de Abegondo, onde o Deportivo feminino recibe a Real Sociedade nos oitavos de final da Copa da Raíña.

Audios de Radio Galega nas televisións

Esta xornada, os espectadores que sigan os partidos por televisión poderán combinar a imaxe co audio da Radio Galega nas seguintes retransmisións: Celta-Real Sociedade, no dial 54 de Movistar; Breogán-Xirona, no dial 63 de Movistar; Zaragoza-Rácing de Ferrol e Deportivo-Mirandés, no dial 56 de Movistar.

#GaliciaEnXogo

O sábado, de 23:00 a 00:00 h, o proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo pechará a emisión deportiva do día. Na primeira media hora, Rodrigo Pérez actualizará a información do motor producida na última semana. Logo chegará a quenda de Toni López García, coa crónica dos deportistas olímpicos que marcan no calendario o ano 2028 co obxectivo de competir nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade