div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A Radio Galega retransmite esta fin de semana as finais do Liceo, o Celta Fortuna e o Compostela

As retransmisións comezarán o venres co terceiro partido da final da OK Liga de hóckey a patíns entre o Igualada e o equipo coruñés

‘Galicia en Goles’ estará en antena 27 horas entre a tarde do venres e a noite do domingo

csag.gal 18/06/2026 16:30

Santiago, 18.06.2026.-    O ‘Galicia en Goles’ desta fin de semana principia ás 18:55 h do venres coa retransmisión do terceiro partido da final da OK Liga de hóckey sobre patíns entre o Igualada e o Liceo. Tras gañar os dous primeiros encontros disputados en Riazor, o cadro coruñés busca a terceira vitoria que o proclame campión. Durante a tarde, o programa tamén atenderá á xornada do Mundial de fútbol e analizará o proxecto ‘Elas xogan’, impulsado pola Federación Galega de Fútbol na cidade de Ferrol para promover a presenza feminina nesta disciplina.

O sábado, a programación comezará ás 14:15 h e manterase ata a medianoite coa final de ascenso á Segunda División, xa que ás 18:30 h o Celta Fortuna recibe a Ponferradina. A eliminatoria está aberta tras o empate a cero goles da ida, pero o equipo vigués ten o factor campo a favor e válelle a igualada tras prórroga para abandonar a Primeira RFEF e recalar no fútbol profesional.

Outro punto de directo será o campo do Monte, onde o San Tirso e o Antela disputan a volta da final da eliminatoria de ascenso á Terceira RFEF. A cita decisiva ten como referencia o empate sen goles de hai unha semana na Moreira.

O domingo, desde as 12:00 ata as 00:00 h, o ‘Galicia en Goles’ contará o desenlace da final de ascenso á Segunda RFEF entre o Badalona e o Compostela. A vitoria na ida por 3-0 sitúa o equipo da capital de Galicia moi preto de regresar á cuarta categoría.

Ao longo da mañá, o programa dará cobertura ás dúas eliminatorias de volta dos playoffs de ascenso á Primeira División de fútbol sala feminino. O Marín xoga o seu regreso fronte ao Intersala Zaragoza, despois de que na ida na Raña o marcador final fora de empate a un gol. Mentres, o Estrela Cortegada, campión do Grupo 1 de Segunda División, afronta o desenlace fronte ao CFS Linyola coa aspiración de consumar o ascenso tras gañar a domicilio a semana pasada por 4-1.

O Mundial de Fútbol tamén terá presenza coa retransmisión do partido España-Arabia Saudita, correspondente á segunda xornada. As dúas seleccións comezaron con empate o campionato: 0-0 de España ante Cabo Verde e 1-1 de Arabia fronte ao Uruguai.

A última sesión da xornada estará protagonizada polo fútbol máis modesto. O Portonovo e o Lemos, que chegan á final do playoff de ascenso á Terceira RFEF despois de eliminar respectivamente o Ordes e o Negreira, pechan o domingo coa disputa do partido decisivo e coa vantaxe para o equipo do Baltar tras gañar na ida por 0-1 no campo da Pinguela.

#GaliciaEnXogo

Cando rematen os partidos, ás 23:00 h, o ‘Galicia en Goles’ abrirá unha fiestra a outras disciplinas. O mundo do motor estará presente durante 30 minutos para actualizar os datos das competicións máis recentes, con atención ao Gran Premio de Italia no Mundial MXGP de motocrós. A partir das 23:30 h, terán presenza os deportistas galegos que preparan durante este ciclo olímpico os próximos Xogos dos Ánxeles 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade