A segunda canle da TVG ofrece este sábado o Pontevedra-Arenteiro e o Guardés-Erice - CSAG
A segunda canle da TVG ofrece este sábado o Pontevedra-Arenteiro e o Guardés-Erice
AGalega.gal reserva para o domingo o multifútbol de Segunda RFEF: Sarriana-Oviedo e Coruxo-Astorga

Santiago, 16.1.2026.- Esta fin de semana o fútbol e o balonmán convértense nos principais protagonistas das retransmisións deportivas da fin de semana na segunda canle da Televisión de Galicia e na plataforma AGalega.gal.
O sábado, a partir das catro e cuarto da tarde, as cámaras da G2 estarán en Pasarón para ofrecer un novo derbi galego, desta volta entre o Pontevedra e o Arenteiro. A traxectoria dos locais está resultando espectacular, con cinco vitorias consecutivas que o situaron na terceira praza a tan só tres puntos do segundo, o filial do Celta. Mentres, os do Carballiño melloraron con tres triunfos tras o cambio de preparador, pero nas dúas últimas semanas non puideron puntuar e regresaron aos postos de descenso.
O deporte en directo continuará ás sete da tarde tanto na G2 como en AGalega.gal, desde o pavillón da Sangriña, onde o Guardés afronta os oitavos de final da European Cup de balonmán ante o Erice de Italia. As galegas accederon a esta rolda tras gañar os dous encontros da eliminatoria de dezaseisavos de final disputados en Bulgaria ante o feble Byala. No primeiro foron superiores por 30 goles, 49-19 e no segundo a diferenza quedou en 15, 39-24. As rivais italianas tampouco tiveron problemas ata o momento, necesitaron xogar catro encontros e en todos gañaron sen dificultades.
A Liga de Segunda RFEF tomará o mando na tarde do domingo con carácter exclusivo na plataforma AGalega.gal. A partir das cinco da tarde, os espectadores poderán seguir no formato multifútbol os encontros Sarriana-Oviedo Promesas e Coruxo-Astorga. No campo da Ribela, o equipo local afronta un difícil reto, o de recibir ao segundo clasificado do campionato. Pola súa banda, no Vao os vigueses teñen a oportunidade de mesmo entrar nos postos de promoción de ascenso si son quen de sumar os tres puntos ante o rival leonés.
En Xogo
Os afeccionados ao fútbol galego teñen os domingos ás dez e media da noite pola segunda canle da TVG e logo en diferido ás doce e media na primeira cadea o resumo máis completo da xornada no ‘En Xogo’. Esta fin de semana os partidos destacados son o Celta-Raio Vallecano, da Primeira División, e o Almería-Deportivo da Coruña, da Segunda División.
Outras citas importantes do calendario pasan polas ligas da Federación, con atención especial ao Pontevedra-Arenteiro, Ponferradina-Rácing de Ferrol, Lugo-Unionistas de Salamanca, Ourense-Osasuna B e Talavera-Celta Fortuna. O Levante Badalona-Deportivo Abanca, da Primeira Feminina, tamén estará presente durante o programa. Gustavo Varela conduce a mesa de debate en que sentan cada semana os exfutbolistas Roberto Lago e Dani Mallo, xunto ao árbitro Xabier Rodríguez Campos.
