A serie de animación 'Can cheirento' e a segunda temporada de 'Bechos', estreas destacadas de maio en Xabarin.gal - CRTVG
A serie de animación 'Can cheirento' e a segunda temporada de 'Bechos', estreas destacadas de maio en Xabarin.gal
O catálogo da plataforma infantil da CRTVG tamén se ampliará este mes con ‘Moby Dick e o segredo de Mu’, ‘Os Bolechas. As miñas primeiras letras’ e novos capítulos de ‘Glumpers’

Santiago, 02.05.2025.- Coa chegada este venres a Xabarin.gal da serie de animación ‘Moby Dick e o segredo de Mu’, comeza un mes de maio cheo de estreas na plataforma dixital infantil da CRTVG. Esta ficción ten como protagonista a Romy, un valente rapaz de 12 anos que debe viaxar arredor do mundo na busca de 24 pedras sagradas ocultas por unha civilización perdida para que lle sexa revelado ‘o segredo de Mu’. Hoxe poranse a disposición 13 capítulos.
O seguinte venres, 9 de maio, Xabarin.gal incorporará ao seu catálogo ‘Os Bolechas. As miñas primeiras letras’, en que a familia creada por Pepe Carreiro repasa algúns dos nomes máis grandes da nosa literatura para ensinarllos á rapazada de xeito máis divertido.
O 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, estrearase a segunda temporada da serie de animación galega ‘Bechos’. Nela, o xabaril Xurxo, a raposa Catuxa, a vaca Margarida e a toupa Xiana quedan no parque para xogar todos os días. Coas súas historias, os espectadores máis pequenos aprenden o respecto pola natureza, a necesidade de reciclar e o valor da amizade.
Unha semana despois, o día 23, os cativos e cativas poderán gozar da serie de animación ‘Can cheirento’. O seu protagonista vive nun caldeiro do lixo, cheira a sardiñas e está cheo de pulgas. Ademais, é bastante parvo, pero ten un corazón que non lle cabe no peito e é puro optimismo e alegría. Vivirá as súas aventuras por París adiante. A serie está baseada nos libros de Colas Gutman, que xa venderon máis de dous millóns de copias en Francia e están traducidos a máis de 20 idiomas.
As estreas de maio en Xabarin.gal completaranse o venres 30 coa posta á disposición de novos capítulos de ‘Glumpers’, uns amigos que viven xuntos e cunhas personalidades que chocan constantemente, convertendo a súa casa nunha tremenda fonte de desastres que ocorren en cada episodio.
