div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A serie de meditacións guiadas 'Respira' e o programa 'Galicia de récord', estreas destacadas desta semana en AGalega.gal

A plataforma dos medios públicos tamén porá á disposición a exitosa serie xaponesa de anime ‘Gardiáns da noite’ e a ficción galega ‘Pazo de Familia’

csag.gal 31/08/2025 17:06

Santiago, 31.08.2025.-    A plataforma AGalega.gal remata o mes de agosto e comeza o de setembro con novas estreas no seu catálogo. Así, o domingo 31 porase á disposición dos usuarios ‘Respira’, unha serie de meditacións guiadas que convida a parar, respirar e conectar coa esencia de Galicia. Cada capítulo ofrece unha viaxe mental por paisaxes emblemáticas do país, desde as rías ata as fragas, combinada con exercicios de respiración consciente e visualización profunda. En só 11 minutos, a serie de 8 capítulos propón un refuxio de calma para aliviar o estrés e promover o benestar emocional. 

O mes de setembro arrancará coa chegada o luns a AGalega.gal do programa dixital ‘Galicia de récord’, dedicado aos récords Guinness que se conseguiron na comunidade. Desde o bocadillo dunha soa peza máis longo ata a muralla de libros máis grande, pasando polo queixo xigante, o faro máis antigo en funcionamento ou a produción teatral máis rápida. Trátase dun espazo entretido que recolle fitos extraordinarios que puxeron Galicia no centro de atención internacional. 

O martes día 2, a plataforma dos medios públicos galegos porá á disposición, de xeito íntegro, a serie ‘Pazo de Familia’, continuación de ‘Libro de Familia’, ambientada nun pazo urbano pertencente á familia Pardo-Veiga. A ficción sitúase na Galicia dos anos 80 e combina tramas de poder, amor e humor. Cada capítulo ofrece un retrato dunha sociedade en cambio, cunha narrativa chea de intrigas familiares e conflitos persoais.

Ao día seguinte, a novidade será a exitosa serie xaponesa de anime ‘Gardiáns da noite’, da que estarán dispoñibles durante 20 días os cinco primeiros capítulos. Está protagonizada por Tanjiro Kamado, que, na Era Taisho no Xapón, vive feliz coa súa nai e os seus irmáns pequenos na montaña, subsistindo humildemente grazas á venda de carbón. Unha fría mañá, ao regresar de traballar, atopa toda a súa familia asasinada, a excepción da súa irmá Nezuko, convertida nun demo. Despois deste ataque, Tanjiro emprende unha perigosa viaxe para atopar unha cura e vingar os que perdeu. 

A oferta de cinema de AGalega.gal tamén se verá incrementada esta semana. Así, o xoves estrearase ‘París pode esperar’, unha comedia romántica protagonizada por unha muller americana que emprende unha viaxe inesperada de Cannes a París na compaña dun sedutor francés. Ao longo do percorrido, redescubre o pracer de vivir e a importancia de volver conectar consigo mesma. O filme estará dispoñible durante 30 días.

A semana pechará o venres cun thriller baseado en feitos reais: ‘Axente oculto’, que tamén se poderá ver durante un mes e que narra a historia de Robert Freegard, un estafador profesional que se fixo pasar por axente do MI5 para manipular e controlar as súas vítimas. Trátase dun relato arrepiante que afonda nos límites da mentira, a manipulación e o control psicolóxico. 

Ademais destas propostas exclusivas da plataforma, os espectadores tamén poderán ver en AGalega.gal os espazos máis destacados da TVG durante os vindeiros días: a gran final de ‘Bailamos Celebrity’ (domingo 31) e o inicio das novas temporadas dos programas ‘Curando o mundo’ (martes 2) e ‘A miña gran cidade’ (sábado 6).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade