A Televisión de Galicia e a Radio Galega retransmiten do martes ao sábado a Volta Ciclista O Gran Camiño - CSAG
A Televisión de Galicia e a Radio Galega retransmiten do martes ao sábado a Volta Ciclista O Gran Camiño
A carreira comeza coa proba contra o reloxo na Coruña e remata no Monte Trega da Guarda

Santiago, 13.4.2026.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) ofrecerá desde o martes 14 ata o sábado 18 de abril unha cobertura especial da Volta Ciclista O Gran Camiño 2026, cunha ampla despregadura que permitirá seguir a proba en directo a través da TVG, G2 e das plataformas dixitais AGalega.gal e AGalegaAudio.gal. Na televisión, cada etapa contará coa narración e os comentarios de Terio Carrera, Carlos Macía e Álvaro Pino, que achegarán todas as claves dunha das citas máis destacadas do calendario ciclista.
As xornadas do martes 14, xoves 16 e sábado 18 emitiranse na primeira canle da TVG en horario de 15:40 a 17:30 horas, mentres que as do mércores 15 e venres 17 poderán seguirse a través da segunda canle, a G2.
A edición de 2026 presenta un percorrido de cinco etapas que atravesa Galicia desde costa ata o interior e de norte a sur, pasando polas catro provincias.
A carreira arrincará o martes 14 cunha contra o reloxo individual con saída e chegada na Coruña. A segunda etapa, o mércores 15, levará o pelotón desde Vilalba ata Barreiros. O xoves 16 disputarase a terceira etapa entre Carballo e Padrón. A cuarta xornada, o venres 17, será a etapa de montaña con saída en Xinzo de Limia e chegada en Xunqueira de Espadanedo (Cabeza de Meda). Finalmente, a proba decidirase o sábado 18 cun percorrido entre As Neves e A Guarda, con final no Monte Trega.
No plano deportivo, a Volta contará cun destacado cartel de equipos internacionais, entre os que figuran formacións de máximo nivel como UAE Team Emirates, Team Visma /Lease a Bike e Movistar Team, ademais doutras escuadras que garantirán competitividade e espectáculo ao longo de toda a carreira como Kern Pharma, Euskaltel e Burjos Caja Rural.
A cobertura televisiva completarase cos espazos deportivos do ‘Bos días’, que se emitirán desde as saídas, e coa información diaria nos ‘Telexornais Mediodía’ e ‘Serán’.
A Radio Galega leva aos oíntes o mellor da carreira en directo
A Radio Galega tamén se suma á despregadura informativa da CSAG cunha cobertura especial da Volta Ciclista O Gran Camiño. Andrés Vieites e Pedro Pablo Alonso serán os encargados de narrar en directo os momentos clave de cada etapa.
Ademais das retransmisións dos finais de xornada, os días 14, 16 e 18 a partir das 16:30 horas e os días 15 e 17 desde as 14:30 horas, a emisora pública ofrecerá un seguimento continuo da proba ao longo da programación.
Así, as saídas de cada etapa poderán seguirse dentro do programa ‘Galicia por diante’, haberá conexións en directo durante o desenvolvemento da carreira e un resumo completo ás sete e media da tarde en ‘A Crónica Deportes’.
Na xornada de clausura do sábado, a Radio Galega reforzará o seu dispositivo cun seguimento especial dentro de ‘Galicia en goles’, ampliando a cobertura para achegar aos oíntes todos os detalles do desenlace da competición.