div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A TVG acada o seu máximo histórico no EXM e consolida o liderado de audiencias en Galicia e entre autonómicas

A Galega supera o 27% de cota semanal e acada o seu mellor dato histórico nunha onda do EXM
---
A TVG lidera en Galicia en todas as franxas horarias e reforza a súa posición como referencia entre as canles autonómicas do Estado
---
Radio Galega é a emisora pública máis escoitada en Galicia, con 125.000 oíntes diarios

O magazine da TVG, 'Hora galega' O magazine da TVG, 'Hora galega'
crtvg.gal 02/07/2025 10:51

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2025.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) estrea marca celebrando os excelentes resultados da 2ª onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) de 2025 e, así, a Televisión de Galicia acada a súa mellor cota histórica e consolida o seu liderado absoluto no ámbito audiovisual galego e estatal autonómico, tanto na onda coma no cómputo do ano móbil.

    A TVG rexistra unha cota de pantalla do 27,1% no conxunto da semana, a máis alta nunha onda do EXM. Esta cifra representa un incremento de 3,9 puntos respecto da 1ª onda de 2025 (un aumento do 16,8%) e 5,7 puntos respecto da mesma onda de 2024 (un incremento do 26,6%).

    E de luns a venres, a cota medra ata o 28,2%, o que supón unha suba de 3,7 puntos fronte á 1ª onda de 2025 (un 15,1% máis) e 7 puntos respecto da 2ª onda de 2024 (unha subida do 33%).

    No ano móbil, comprendido entre outubro de 2024 e maio de 2025, a TVG mantén o liderado, cunha cota do 22,9% no conxunto da semana e do 23,1% de luns a venres, superando en máis de 10 puntos a outra canle pública que emite en Galicia, TVE.

    No contexto estatal das canles autonómicas, a TVG tamén lidera con claridade e comparte o podio con Canal Sur e 3CAT, que empatan no segundo posto.
    Por días da semana, salientan especialmente os martes (30,2%), os xoves (29,9%) e os luns (28,4%). A TVG lidera en Galicia en todas as franxas horarias:

•    Mañá (08:00–13:30 h): 33,5%
•    Sobremesa (13:30–17:00 h): 42,3% na franxa informativa do mediodía.
•    Tarde (17:00–20:00 h): 23%
•    Noite (20:00–04:00 h): 17,9% na franxa informativa da noite e prime time.

Radio Galega, a emisora pública máis escoitada en Galicia

    Radio Galega tamén medra e reforza o seu papel como emisora pública de referencia en Galicia tras os resultados da segunda onda do Estudo Xeral de Medios (EXM). A RG acada 125.000 oíntes no conxunto da semana, cun incremento do 13,64% respecto aos datos da primeira onda publicada en abril de 2025, e segue a ser, unha onda máis, a emisora pública líder en Galicia. Así, segundo o Estudo Xeral de Medios, a Radio Galega conta con máis do dobre de oíntes que RNE, a outra emisora pública que emite na nosa comunidade.

    A última onda do EXM reflicte tamén unha notoria suba de Radio Galega Música, que chega aos 31.000 oíntes de luns a venres (+63,1) e aos 29.000 (+52,6%) no conxunto da semana.

    Así, o conxunto das emisoras da Corporación, Radio Galega e Radio Galega Música, suman 154.000 oíntes, o que supón un incremento do 19,3% con respecto á onda anterior.

    Estes resultados ratifican a confianza da cidadanía galega na oferta da Galega, que consolida o seu modelo de servizo público comprometido coa lingua, a cultura e a identidade de Galicia.
 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade