A TVG celebra o cine galego na semana dos Mestre Mateo - CSAG
A TVG celebra o cine galego na semana dos Mestre Mateo
O público poderá gozar dunha selección de contidos pensados para destacar o talento, a creatividade e a forza do audiovisual feito en Galicia, en AGalega.gal
A G2 dedica cada noite da semana a estreas destacadas, como o documental ‘Filmei paxaros voando’, a webserie ‘A arte de ser mal pai’ ou a longametraxe ‘Sica’
A gala dos XXIV Premios Mestre Mateo emítese en directo na Televisión de Galicia o sábado 21, ás 22:00 horas

Santiago, 15.3.2026.- A CSAG súmase á celebración da semana grande do audiovisual galego cunha programación especial en AGalega.gal e na G2. Esta proposta servirá como antesala da gala dos Premios Mestre Mateo que a TVG retransmitirá en directo desde Lugo, o sábado 21 ás 22:00 h. O público poderá gozar dunha selección de contidos pensados para destacar o talento, a creatividade e a forza do audiovisual feito en Galicia, nunha oportunidade única para descubrir producións destacadas e quentar motores antes da gran noite na que a industria galega celebra os seus mellores traballos.
AGalega.gal reunirá nunha única sección producións recoñecidas polos premios en anos anteriores, con longametraxes, documentais, programas, series e webseries que amosan a diversidade e talento do audiovisual galego.
E na G2, novidades cada noite da semana: o luns 16 ‘Historias de aquí’, serie premiada pola súa realización, que combina documental e ficción para reconstruír acontecementos e personaxes que marcaron a memoria colectiva galega; o martes, estrea do documental ‘Filmei paxaros voando’, galardoado na edición de 2025 e que recolle o regreso de Zeltia a Galicia para facer unha película sobre seu tío, un artesán téxtil, e un proceso de reconciliación co seu pasado; o mércores emitiranse os programas ‘Recollendo músicas’ e ‘Raiña-me’, e a noite do xoves dedícase ás webseries ‘A arte de ser mal pai’, ‘Rent-a-pal’ e ‘Pringadas’. A semana péchase coa emisión do filme ‘Sica’ o venres 20, cinta recoñecida polo seu traballo de dirección de fotografía. A película segue a historia dunha adolescente que busca respostas tras o naufraxio do seu pai na Costa da Morte.