A TVG comeza desde este martes a busca de 'O home perfecto' - CSAG
A TVG comeza desde este martes a busca de 'O home perfecto'
Dirixida por Giselle Llanio e Lucía Estévez, esta nova serie conta a historia de dúas mulleres enganadas polo mesmo home, baseándose en casos reais de ‘estafadores do amor’
Nesta noite de estrea, a canle pública emite os dous primeiros capítulos da serie, cun elenco encabezado por Adrián Castiñeiras, Alba Loureiro e Elena Seijo

Santiago, 21.10.2025.- Televisión de Galicia estrea esta noite en horario de prime time (21:45 h) a súa nova serie de ficción, ‘O home perfecto’, unha historia emocionante de segundas oportunidades e enganos sentimentais. Dirixida por Giselle Llanio e Lucía Estévez, e producida por Voz Audiovisual para a TVG, ‘O home perfecto’ está inspirada en casos reais dos denominados ‘estafadores do amor’, que aproveitan a vulnerabilidade emocional das vítimas para manipulalas e pedirlles cartos baixo falsas escusas. A serie foi presentada recentemente no Ourense Film Festival (OUFF) e componse de 13 capítulos, cada un deles impregnado de tensión, misterio e intriga.
A trama de ‘O home perfecto’, que transcorre en coñecidas localizacións da cidade da Coruña e de Sada, segue as vidas de Rebeca (interpretada por Alba Loureiro), de 35 anos, e Luísa (Elena Seijo), de 70, dúas mulleres de xeracións diferentes que, sen sabelo, buscan unha segunda oportunidade, tras vidas marcadas pola dor, e caen baixo o engano do mesmo home. El preséntase como Gus para unha e Leo para a outra: encantador, sensible e aparentemente o home perfecto. Pero todo é mentira. Tras gañar a súa confianza e os seus afectos, o home desaparece cos seus aforros e ilusións, deixando tras de si un rastro de vítimas e decepcións.
No elenco figuran intérpretes moi recoñecidos do panorama galego, como Adrián Castiñeiras, Desiré Pillado, Xabier Fonseca, Tito Asorey, Carlos Villarino, Andrea Varela, Marta Doviro, Patricia Torres, Trisha Fernández e María Costas, entre outros.
Dous capítulos de estrea
Nesta noite de estrea, a TVG achegará unha dobre entrega de ‘O home perfecto’, en que os espectadores poderán coñecer a Rebeca e Luísa. No primeiro episodio, ‘A maior das forzas’, despois de anos marcados pola violencia e polo medo, Rebeca retoma o control da súa vida. Vive coa súa irmá, traballa nunha panadería e imparte clases de defensa persoal. O seu ex, Toño, acaba de saír do cárcere e reaparece disposto a desmontar a súa paz. Ao tempo e arroupada pola súa contorna, dá un paso valente e acepta quedar cun home que coñece por Internet. É encantador, divertido e comprensivo. Alguén co que sente que pode empezar de novo.
A continuación, ‘Lenzo en branco’ presentará a Luísa, quen está soa tras a morte do seu marido e tras anos distanciada da súa filla Vicky. O reencontro cunha vella coñecida da infancia, Neves, axúdaa a reconectar consigo mesma e consegue volver á pintura, que levaba décadas sen tocar. Nunha visita a unha galería de arte coñece un mozo que chama a súa atención. El é amable, falangueiro, atento e interésase polos seus cadros. Ela, contaxiada por tantas atencións, volve sentir o desexo de crear e de vivir.