div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A TVG dedica un especial de 'Latitude Galega' a Venezuela, co testemuño de cinco galegos residentes no país para reconstruír o impacto dos terremotos

O programa (22:15 h) acompañará o seu día a día entre a destrución, a incerteza e a esperanza, e percorrerá as zonas máis afectadas para amosar como unha catástrofe desta magnitude cambia a vida de millóns de persoas

csag.gal 23/07/2026 02:00

Santiago, 23.07.2026.-    A Televisión de Galicia ofrece este xoves unha edición especial do programa ‘Latitude Galega’ dedicada a Venezuela, un país historicamente ligado á emigración galega e que acaba de sufrir unha das maiores catástrofes naturais da súa historia recente: os devastadores terremotos do pasado 24 de xuño. A través do testemuño de cinco galegos que viven no país, o espazo acompañará o seu día a día entre a destrución, a incerteza e a esperanza, mentres percorrerá as zonas máis afectadas para amosar como unha traxedia desta magnitude cambia a vida de millóns de persoas.

Os protagonistas deste especial, que viviron os terremotos no corazón da catástrofe, son Pedro García, xornalista natural da Coruña; Manuel Cobela, nado no Carballiño; Felipe Lago, empresario de Vilanova de Arousa; José Ramón Loureiro, hostaleiro de Sarria, e Mercedes Expósito, dependenta natural do Saviñao. A través das súas historias, os espectadores coñecerán como sentiron os primeiros tremores, onde se atopaban cando todo comezou a derrubarse e como afrontaron as horas de medo, desconcerto e incerteza posteriores.

As súas voces permitirán reconstruír o impacto humano e material dos terremotos, pero tamén descubrir como intenta recuperar a normalidade unha poboación que xa atravesaba unha profunda crise económica, social e política.

O programa viaxará polas rúas de Venezuela para amosar os danos provocados polo desastre, a reacción da cidadanía e as dificultades dunha vida cotiá marcada pola inflación, a inseguridade, a escaseza e a incerteza. Deste xeito, ofrecerase un retrato directo dun país de enormes recursos naturais e fondas feridas, en que millóns de persoas continúan loitando por construír un futuro.

Nesta ocasión, ‘Latitude Galega’ abandona o ton habitual dun programa de viaxes para ofrecer un relato documental máis intenso, urxente e pegado á actualidade. Así, as imaxes da devastación, os testemuños dos protagonistas e as pezas de contexto mesturaranse nunha narración emocional que permite comprender como era Venezuela antes dos terremotos e que país queda despois deles.

Pero o programa tamén é unha historia de resistencia, solidariedade e pertenza, xa que, a pesar da distancia e das dificultades, os protagonistas seguen mantendo vivo o seu vínculo con Galicia e converténdose nos ollos a través dos que a audiencia da TVG coñecerá unha realidade poucas veces mostrada desde tan preto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade