div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A TVG emite este xoves o 'Telexornal Deportes Mediodía' desde Vigo, horas antes do histórico Celta-Friburgo

O ‘Galicia en Goles’ da Radio Galega  programa unha edición especial ás 17:30 h a través da FM e de AGalegaAudio.gal

csag.gal 15/04/2026 08:00

Santiago, 15.04.2026.-    A CSAG prepara unha cobertura especial este xoves 16 de abril con motivo do decisivo encontro entre o Celta e o Friburgo, correspondente ao partido de volta dos cuartos de final da Europa League. Tras o 3-0 adverso na ida en Alemaña, o relato da xornada estará marcado polo espírito da remontada, un reto complexo, pero en que o equipo e a afección cren firmemente.

A ilusión de chegar ás semifinais da competición continental continúa prendida, malia a severa derrota sufrida o domingo na casa ante o Real Oviedo na Primeira División por 0-3. Na Liga, as opcións celestes apenas sufriron cambios, xa que os seus rivais directos, Betis e Real Sociedade, tampouco gañaron na pasada xornada.
                                                                      
A cobertura terá como eixo central a emisión do ‘Telexornal Deportes Mediodía’, que despraza ao seu equipo a Balaídos, da man de Sevi Martínez, para ofrecer a previa máis completa a partir das 15:15 h, con entrevistas en directo, análise cos especialistas e a opinión dos seareiros desde os arredores do estadio.

En canto remate o partido, os espectadores terán o resumo do Celta-Friburgo no tempo dos deportes do ‘Telexornal Serán’, contra as 21:25 h. As redes sociais da CSAG tamén estarán activas durante todo o día, publicando as historias máis curiosas nas contas de ‘En Xogo’ en X, Instagram e Facebook.

‘Galicia en Goles’, desde as cinco e media da tarde

A Radio Galega tamén atenderá ao evento ao longo de toda a xornada. Durante a mañá, o partido será protagonista no magazine ‘Galicia por Diante’; ao mediodía, en ‘A Crónica Deportes’, de 14:30 a 15:00 h; e a partir das 17:30 h principiará o especial ‘Galicia en Goles’, dirixido por Roberto Carlos Carballo, con Víctor López, Gonzalo Alonso, Moncho Carnero, Xosé Ramón Valtierra e Mr Asubío na narración e nos comentarios do xogo.

A transmisión radiofónica prolongarase ata as 22:00 h, ofrecendo as reaccións dos principais protagonistas, as opinións dos mellores xogadores do encontro e as roldas de prensa dos adestradores. Ademais da emisión en FM, toda a cobertura poderá seguirse en liña a través da plataforma AGalegaAudio.gal, garantindo o acceso para toda a audiencia, dentro e fóra de Galicia.

A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia reafirma así o seu compromiso co deporte galego e coa información de servizo público, nunha cita histórica en que o Celta buscará unha remontada que xa forma parte do imaxinario colectivo do fútbol galego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade