A TVG estrea a serie bíblica 'Os elixidos', fenómeno mundial sobre a vida de Xesús de Nazaret, que se emitirá nas tardes do Xoves e Venres Santo - CSAG
A TVG estrea a serie bíblica 'Os elixidos', fenómeno mundial sobre a vida de Xesús de Nazaret, que se emitirá nas tardes do Xoves e Venres Santo
Baseada en testemuñas de persoas que o coñeceron e no contexto dos Evanxelios, é a produción máis traducida da historia, con máis de 600 millóns de visualizacións

Santiago, 2.4.2026.- Chega esta tarde á Televisión de Galicia unha das series máis vistas do mundo, ‘Os elixidos’ (16:35 h), todo un fenómeno internacional baseado na vida de Xesús de Nazaret, nos personaxes e o contexto histórico dos Evanxelios. Os espectadores da canle pública poderán ver esta Semana Santa a primeira temporada desta ficción, cuxos oito episodios emitiranse o Xoves e Venres Santo pola tarde.
A serie independente, creada, producida e dirixida polo cineasta estadounidense Dallas Jenkins e protagonizada por Jonathan Roumie, é un drama histórico que ofrece unha visión próxima, humana e magnética da figura de Xesús e os seus doce apóstolos, a través das persoas que o coñeceron, como Pedro, Nicodemo, María Magdalena, ou Mateo. Jesús non é o centro, pero a ficción si se achega á parte máis íntima e auténtica da vida dunha das figuras máis importantes e influentes da historia da humanidade. Un relato que aposta pola diversidade racial e a presenza feminina en personaxes con entidade propia.
Ambientada no contexto da opresión romana en Israel, a primeira temporada desta ficción, que emocionou ao mundo, amosa como Xesús empeza a chamar os seus discípulos, dunha maneira totalmente diferente.
Convertida nun fenómeno global, ‘Os elixidos’ supera os 600 millóns de visualizacións en todo o mundo e conta con millóns de seguidores nas redes sociais. A serie, nacida como un proxecto independente financiado polos espectadores, está dispoñible en case 200 países e foi recoñecida como a produción de streaming máis traducida da historia, con máis de 50 idiomas.