A TVG inaugura o ciclo de cinema 'O domingo: fútbol, callos e ...' coa emisión esta noite de 'Cuñados' - CSAG
A TVG inaugura o ciclo de cinema 'O domingo: fútbol, callos e ...' coa emisión esta noite de 'Cuñados'
Esta comedia de enredo, participada pola canle pública e protagonizada por Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez, abre este novo espazo de cine na Galega

Santiago, 14.9.2025.- Televisión de Galicia estrea este domingo á noite unha nova aposta polo cinema galego co ciclo ‘O DOMINGO: FÚTBOL, CALLOS E...’, unha proposta que se suma ao espírito das boas costumes que fan especial o último día da semana.
Para abrir o ciclo, a TVG ofrece esta noite a comedia de éxito ‘Cuñados’, filme participado pola canle pública galega que se converteu na maior estrea da historia do cinema en galego. Protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez, conta as peripecias de Eduardo, Sabonis e Modesto, tres personaxes atrapados nun plan disparatado que mestura humor, enredos e moita retranca.
Dirixida por Toño López e gravada en Ourense durante o verán de 2020, ‘Cuñados’ conseguiu levar de novo o público ás salas en tempos de pandemia e situouse como unha das mellores estreas españolas de 2021. O seu éxito fixo que viaxase a territorios internacionais como Grecia, Suíza e América Latina e percorrese decenas de localidades de Galicia, Portugal e outras partes de España. É, ademais, a única película galega que conta cunha segunda parte.
A historia de ‘Cuñados’ conta as desventuras de dous cuñados que secuestran outro cuñado coma eles, parente dunha delincuente vixiada pola Policía. O secuestro ten un motivo amable: pedir un rescate que os cuñados precisan para manter vivo o negocio familiar, un viñedo que está nas mans das esposas dos protagonistas.