A TVG presenta no OUFF o seu novo proxecto 'Pensión incompleta', a primeira serie rodada nas catro linguas oficiais do Estado - CSAG
A TVG presenta no OUFF o seu novo proxecto 'Pensión incompleta', a primeira serie rodada nas catro linguas oficiais do Estado
A comedia, producida por TVG, ETB e 3Cat, con localizacións en Galicia, Euskadi e Cataluña, chegará á pantalla da Galega no 2026
A presenza da canle pública no festival complétase o venres coa preestrea no Teatro Principal de Ourense da nova serie ‘O home perfecto’

Santiago, 02.10.2025.- A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia reforza a súa participación como media partner do Ourense Film Festival (OUFF) coa presentación este xoves da súa serie ‘Pensión incompleta’. O acto tivo lugar este mediodía no Café Ceres 1894, dentro da sección ‘Xanela’ do OUFF, coa asistencia de Montse Besada, xefa do Servizo de Contidos da CSAG; a directora da produtora Voz Audiovisual, Fernanda Tabarés; Óscar Doviso, director artístico do OUFF, e Sonia Torre, coordinadora de actividades paralelas.
‘Pensión incompleta’ é unha produción conxunta de TVG, ETB e 3Cat, que chegará ás pantallas en 2026 e que marca un fito ao ser a primeira serie gravada de maneira simultánea nas catro linguas oficiais do Estado: galego, éuscaro, catalán e castelán. A ficción mergúllase nas aventuras dun grupo de viaxeiros do Imserso que se ven involucrados na desaparición de obras de arte, converténdose nos principais sospeitosos.
Esta serie coral está concibida como unha road movie que amosará localizacións de Galicia, Euskadi e Cataluña, entre elas Muxía e Santiago de Compostela. No elenco figuran intérpretes como Ane Gabarain e Joseba Apaolaza, xunto a un destacado elenco de artistas galegos, encabezado por Luis Iglesia, Cristina Andrade, Manuel San Martín e María Costas. A proposta constitúe un modelo pioneiro de coprodución pública autonómica, cunha estrutura narrativa compartida. Dirixida por Jesús Font e Giselle Llanio, a serie aposta pola diversidade lingüística como motor narrativo, xa que cada personaxe expresa a súa identidade no seu idioma natal, reservando o castelán para as escenas corais.
A participación da canle pública no festival complétase o venres coa preestrea no Teatro Principal de Ourense da nova serie ‘O home perfecto’.
