div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A TVG retransmite este sábado o Deportivo-Éibar desde Riazor

O derbi Pontevedra-Lugo, na G2

csag.gal 20/02/2026 16:30

Santiago, 20.2.2026.-  A tarde do sábado promete emocións na Televisión de Galicia. A primeira canle ofrece ás catro e cuarto o partido da Segunda División entre o Deportivo e o Éibar desde Riazor. A derrota en Castalia deixou os coruñeses a cinco puntos do liderado e a catro da segunda praza de ascenso directo, polo que están obrigados a sumar a vitoria para evitar que se lle acheguen os rivais que aspiran a entrar no play-off. 

O visitante desta xornada atravesa polo mellor momento do curso, despois de gañar a semana pasada ao Rácing de Santander e encadear cinco partidos puntuando, con vitorias en Ipurúa e empates nas saídas a Zaragoza e a Granada.

O Deportivo-Éibar abre na fin de semana a axenda de retransmisións. Ao remate do encontro de Riazor na TVG, a segunda canle abrirá unha ventá á Primeira RFEF para ofrecer ás seis e media da tarde desde Pasarón o derbi entre o Pontevedra e o Lugo. Os granates manteñen a terceira praza malia a derrota da pasada xornada, pero agora a diferenza é só de tres puntos respecto ao equipo adestrado por Iago Iglesias e que está ás portas de entrar na zona de promoción.

A Segunda RFEF, en AGalega.gal

A plataforma AGalega.gal continúa ofrecendo en exclusiva todos os partidos dos nosos equipos no grupo primeiro da Segunda RFEF. Este domingo, ás doce do mediodía, os espectadores poderán seguir a través do formato multifútbol o derbi entre o Coruxo e a Sarriana desde o Campo do Vao, xunto ao Fabril-Numancia no “Arsenio Iglesias”. Xa pola tarde, as cámaras estarán presentes no estadio do Couto, onde a Unión Deportiva Ourense recibe o Raio Cantabria.

‘En xogo’

Ao remate da xornada, contra as dez e vinte e cinco minutos da noite do domingo, o programa ‘En xogo’ resume na G2 todo o sucedido nas principais categorías do fútbol español, con atención especial aos partidos Celta-Mallorca, na Primeira División, e Deportivo-Éibar, na Segunda. Ademais, os espectadores poderán ver todos os goles das ligas da Federación, con atención especial aos derbis Rácing de Ferrol-Celta Fortuna e Pontevedra-Lugo, xunto ao Arenteiro-Tenerife e o Guadalajara-Ourense C. F. A redifusión do ‘En xogo’ chegará na medianoite á TVG, cun formato centrado nas ligas profesionais.

Deportes nos telexornais
                                                      
Os partidos Celta-Mallorca e Deportivo-Éibar protagonizarán os espazos de información deportiva nos telexornais ‘Bos días’, ‘Telexornal mediodía’ e ‘Telexornal serán’, xunto aos resumos da Copa do Rei de baloncesto e das ligas feminina e a masculina da Federación. Nesta xornada destacan o derbi galego Ensino Lugo-Baxi Ferrol xunto ao Basquet Coruña-Estudantes e o Ourense-Mallorca.
         
As redes sociais e G24

A información deportiva está a un clic nas redes sociais de ‘En xogo’. No Instagram, cada xornada aparecen as historias máis curiosas dos partidos do Celta e do Deportivo no fútbol profesional, dando visibilidade aos afeccionados que acoden aos estadios.      

Mentres, G24.gal ofrece todos os resumos da xornada de Primeira e Segunda, actualizando todas as novas relacionadas cos equipos punteiros do noso deporte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade