div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A TVG retransmite este sábado o partido de Primeira División As Palmas-Celta

O encontro, correspondente á novena xornada de Liga, ofrecerase pola primeira canle ás 18:30 h e tamén poderá seguirse en AGalega.gal

O fútbol de Primeira e Segunda Federación será protagonista na G2, onde se poderán ver o Lugo-Nástic de Tarragona, o Fabril-Langreo e o Compostela-Escobedo

O segundo encontro da European Cup de balonmán feminino entre o Porriño e o Brixen Südtirol italiano e o Motocrós das Nacións, que se disputa en Gran Bretaña, completan a oferta deportiva dos medios públicos para esta fin de semana

crtvg.gal 04/10/2024 14:09

Santiago, 04.10.2024.-    O fútbol de Primeira División será protagonista este sábado na programación da primeira canle da TVG, que ofrecerá en directo, ás 18:30 h, o partido U. D. As Palmas-R. C. Celta, correspondente á novena xornada de Liga. O encontro tamén se poderá seguir en AGalega.gal, a plataforma de contidos dixitais dos medios públicos.

O Celta, situado na metade da táboa clasificatoria, visita o pechacancelas da Primeira División. O equipo de Claudio Giráldez buscará os primeiros puntos do curso fóra de Balaídos ante un rival que aínda non foi quen de gañar tras oito xornadas desenvolvidas.

Ademais desta retransmisión pola primeira canle, os espectadores gozarán dunha ampla oferta deportiva na G2 e en AGalega.gal. Así, o sábado tamén poderán seguir en directo, ás 16:00 h, o partido R. C. Deportivo Fabril-U. P. Langreo, correspondente á sexta xornada do Grupo I de Segunda Federación. Tras medirse a favoritos ao ascenso, ambos os dous equipos agardan recuperar a senda do triunfo na súa cita en Abegondo.

A xornada do domingo comezará con balonmán feminino, co segundo encontro da European Cup de balonmán entre o Porriño e o Brixen Südtirol de Italia (12:30 h). Trátase dunha cita histórica para o conxunto louriñés, que, 28 anos despois do seu primeiro ascenso á División de Honra, debuta en Europa.

Finalizado o Mundial de Motocrós, esta modalidade deportiva volverá ser protagonista esta fin de semana nos medios públicos, que o 6 de outubro ofrecerán en directo a 77ª edición do Motocrós das Nacións, que se disputa en Matterley Basin, en Gran Bretaña. Coñecida como ‘as Olimpíadas do Motocrós’, é unha carreira anual por equipos en que os pilotos representan os seus países. Será a última carreira do lucense Jorge Prado en Europa antes de partir cara aos Estados Unidos na busca de novos desafíos. O flamante bicampión do mundo liderará o equipo español xunto a Rubén Fernández e Oriol Oliver, repetindo a mesma aliñación do ano pasado. As tres mangas da carreira ofreceranse en directo ás 14:00, 15:30 e 17:00 h (esta última en diferido pola G2 ás 18:30 h).

A tarde dominical completarase con fútbol. Ás 16:30 h dispútase o partido de 2ª RFEF S. D. Compostela-U. M. Escobedo, e ás 19:30 h será a quenda do encontro de Primeira Federación entre o C. D. Lugo e o Nástic de Tarragona. O conxunto galego intentará no Anxo Carro facer borrón e conta nova tras a decepción que supuxo a súa eliminación da Copa Federación, o que lle impedirá competir na Copa do Rei.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade