AGalegaAudio.gal retransmite este mércores o Celta-Vilarreal desde Balaídos - CRTVG
AGalegaAudio.gal retransmite este mércores o Celta-Vilarreal desde Balaídos
O partido é clave para seguir aspirando aos postos europeos

Santiago, 22.04.2025.- A Liga de Fútbol Profesional programou xornada para os días laborables desta semana, entre o martes e o xoves, xa que na fin de semana hai descanso na competición pola disputa en Sevilla da final da Copa do Rei. Ao Celta de Vigo tocoulle xogar este mércores, ás sete da tarde, en Balaídos ante un rival clasificado en postos Champions para a próxima temporada. A partir das sete menos cuarto, Paco Santos conducirá a retransmisión que chegará de xeito exclusivo a través de AGalegaAudio.gal, xa que na FM ofrecerase o debate sobre o estado da autonomía.
O calendario entrou xa na recta final, e a falta de seis xornadas o Celta está clasificado en posto que conduce á Conference League, pero coa igualdade existente tanto pode optar incluso a Europa League como quedar na novena praza e non ter opción aos torneos continentais. As últimas dúas derrotas ante o Español e o F. C. Barcelona frearon a traxectoria do equipo que prepara Claudio Giráldez, se ben o pasado sábado mereceu puntuar no campo do líder. A derrota por 4-3, co último gol de penalti no tempo engadido, proe no celtismo e este mércores arroupará ao cadro celeste durante os noventa minutos de xogo.
A partir das dez da noite, unha vez rematado o xogo, o programa ‘Ao contraataque’ abrirá na FM mesa de debate cos especialistas do Celta, escoitando as opinións dos adestradores na sala de prensa e as opinións dos xogadores máis destacados.
Na fin de semana, a Liga de Primeira tomará un descanso e cederá o protagonismo a Segunda, na que o Deportivo viaxa o domingo a Santander para visitar o Rácing, na que será a cita destacada do calendario galego. O ‘Galicia en goles’ estará en antena o venres, de oito e media do serán a doce da noite, coa análise de toda a xornada, ofrecendo as conferencias de prensa dos adestradores e falando cos principais protagonistas. Xa o sábado, o programa comezará ás dúas e vinte da tarde e prolongará a emisión ata a medianoite por mor da final da Copa do Rei entre o Barcelona e o Real Madrid. Durante a tarde, o Arenteiro-Lugo da Primeira RFEF converterase no encontro sobranceiro, xunto ao Tenerife-Basquet Coruña e o Breogán-Joventut da Liga ACB. O domingo, a edición matinal estará dedicada á penúltima xornada da Segunda RFEF xunto a Sestao-Ourense C. F., e desde as dúas e vinte toda a atención pasará polo Sardinero, xunto ás citas programadas nas competicións da Federación.