div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

As citas coas traiñeiras e os amigables de Celta e Deportivo, protagonistas da oferta deportiva da fin de semana na CSAG

As bandeiras de Rianxo, Ondarroa e Hondarribia poderán seguirse na G2 e AGalega.gal, nunha fin de semana que tamén ofrecerá os encontros Celta-Nápoles e Genoa-Deportivo

csag.gal 07/08/2026 15:33

Santiago, 7.8.2026.-  Os medios públicos galegos ofrecen esta fin de semana unha ampla programación deportiva, en que destacan as competicións de remo e dous encontros de pretemporada protagonizados polo R. C. Celta e o R. C. Deportivo.

A xornada do sábado arrincará ás 15:30 horas coa retransmisión da Liga Galega de Traiñeiras desde Rianxo, na G2 e AGalega.gal, coa narración de Cristian Rodríguez desde o propio escenario da competición. A cita inclúe a disputa da V Bandeira feminina Concello de Rianxo e da XXII Bandeira Concello de Rianxo masculina.

Xa pola tarde, ás 17:15 horas, a atención trasladarase ata Ondarroa para seguir unha nova proba da Liga Euskotren feminina, correspondente á VI edición da bandeira da localidade biscaíña. A continuación, ás 18:20 horas, emitirase a regata masculina da Eusko Label Liga, coa disputa da XLII Ondarroako Bandera-Cikautxo Sari Nagusia. Ambas as dúas retransmisións poderán verse na G2 e AGalega.gal, coa narración de Chicho e Toni Montenegro.

O fútbol tomará a remuda pola noite con dous amigables internacionais de interese. Ás 20:45 horas, a G2 e AGalega.gal ofrecerán o encontro entre o Genoa e o Deportivo da Coruña, comentado por Óscar Benito e Tito Ramallo. O conxunto coruñés continúa a súa preparación para o seu regreso á máxima categoría do fútbol español, mentres que o equipo italiano afronta unha das súas últimas probas antes do inicio da Serie A.

O amigable Celta-Napoli, este sábado na TVG e AGalega.gal

Pola súa banda, a TVG e AGalega.gal emitirán ás 21:00 horas o partido entre o R. C. Celta e o SSC Napoli, coa narración de Tomás Alonso e os comentarios de Roberto Lago. O encontro disputarase no Stadio Teofilo Patini de Castel di Sangro e servirá para pechar a xira italiana de pretemporada do equipo dirixido por Claudio Giráldez, que chega tras a súa vitoria fronte ao Sassuolo.

A programación continuará o domingo coas regatas de Hondarribia. Ás 11:15 horas, a G2 e AGalega.gal retransmitirán a proba feminina da Liga Euskotren e, ás 12:20 horas, a XXXIX Bandeira de Hondarribia-Gran Premio Mapfre da Liga Eusko Label masculina. Chicho será o encargado da narración desde o campo de regatas, nunha nova mañá de emoción sobre a auga.


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade