div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

As Letras Galegas cobran vida en AGalega.gal cunha sección histórica e estreas destacadas

AGalega.gal reúne desde o xoves 30 a maior recompilación audiovisual sobre as Letras Galegas, ‘As figuras das Letras dende 1985’, con máis de 130 pezas do arquivo da CSAG

Tamén chegan á plataforma ‘Resetéame’, novo formato que recrea con intelixencia artificial figuras clave da cultura galega, e unha nova temporada de ‘Léocho’, amais da incorporación de máis longametraxes ao seu catálogo 

csag.gal 29/04/2026 17:30

Santiago, 29.04.2026.-  A plataforma AGalega.gal continúa avanzando na súa estratexia de posta en valor do patrimonio audiovisual galego coa estrea, este xoves 30, da nova sección ‘As figuras das Letras dende 1985’. Esta iniciativa supón un paso significativo na difusión e accesibilidade do arquivo da CSAG, ao ofrecer a cidadanía á maior recompilación audiovisual arredor das Letras Galegas realizada ata o momento.

A sección, integrada no espazo de cultura e divulgación da plataforma, reúne máis de 130 contidos que permiten percorrer a traxectoria das figuras homenaxeadas desde a creación da televisión pública galega ata a actualidade. Trátase dunha ferramenta clave para coñecer en profundidade o legado literario, intelectual e cultural destas personalidades, facilitando un acceso ordenado e contextualizado a materiais de gran valor histórico e divulgativo.

Ese mesmo día, AGalega.gal incorpora tamén o filme ‘Banco de Dave’, dispoñible durante 30 días. Baseado en feitos reais, narra a historia de Dave Fishwick, un empresario de orixe humilde que decide crear un banco comunitario para apoiar as persoas da súa contorna, nun relato de superación e compromiso social.

O venres 1, a plataforma estreará un especial do programa cultural ‘ZigZag’, dedicado á figura homenaxeada este ano nas Letras Galegas, Begoña Caamaño, afondando na súa traxectoria e contribución á cultura galega.

Na mesma xornada, incorporarase o filme ‘The Game’, dispoñible durante 15 días. A longametraxe presenta a Nicholas Van Orton, un multimillonario que leva unha vida aparentemente perfecta ata que recibe un peculiar agasallo do seu irmán: a participación nun exclusivo xogo que transforma a súa realidade nunha experiencia imprevisible e inquietante.

Reforza a aposta cultural tamén con ‘Resetéame’ e a nova temporada de ‘Léocho’

O sábado 2 chegará a estrea de ‘Resetéame’, un novo formato divulgativo que combina tecnoloxía e cultura. A través da intelixencia artificial, imaxes icónicas de figuras clave da cultura galega cobran vida para dialogar co presentador Juan Meniño, ofrecendo unha aproximación innovadora ás súas biografías e obras. O primeiro episodio estará dedicado a Castelao, cun percorrido polos lugares e momentos máis significativos da súa vida.

Ese mesmo día, estrearase tamén unha nova temporada de ‘Léocho’, programa conducido por María Canosa que convida a descubrir o universo da literatura galega dun xeito ameno e didáctico. A través de encontros con autores e profesionais do sector, a serie promove o hábito da lectura e visibiliza o ecosistema do libro en Galicia. Nesta nova entrega incorporaranse dous episodios.

Completarase a oferta da xornada coa incorporación do filme ‘Billy Elliot. Quero bailar!’, que estará dispoñible durante 14 días. Ambientada no contexto da folga de mineiros de 1984 no condado de Durham, a película relata a historia dun neno que descobre no ballet a súa verdadeira vocación, desafiando as expectativas familiares e sociais. Un relato inspirador sobre a superación persoal, o talento e a capacidade de seguir os propios soños fronte ás dificultades.

Con estas estreas, AGalega.gal reforza o seu compromiso coa difusión cultural, a innovación audiovisual e o acceso universal aos contidos de interese para a cidadanía.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade