div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Atlético de Madrid-Deportivo e Celta-Betis, esta fin de semana no 'Galicia en Goles'

A Radio Galega e AGalegaAudio.gal tamén lle prestarán atención aos partidos da ACB Murcia-Básquet Coruña, Tenerife-Obradoiro e Breogán-Unicaja

As retransmisións deportivas comezan xa este venres, coa visita do Club Deportivo Lugo ao Real Unión de Irún

csag.gal 23/10/2026 11:09

Santiago, 23.10.2026.-    A Radio Galega e AGalegaAudio.gal dedican esta fin de semana un total de 26 horas ás retransmisións deportivas da fin de semana. O venres, a partir das 20:00 h, o ‘Galicia en Goles’ estará atento á visita do Club Deportivo Lugo ao Stadium Gal para medirse ao Real Unión de Irún. Ata as 00:00 h, o programa analizará todo o calendario dos equipos galegos nas principais categorías.

O sábado, desde as 14:15 h, a actualidade pasará pola Primeira RFEF cos partidos Fabril-Extremadura, Mirandés-Rácing de Ferrol e Arenas-Unión Deportiva Ourense. A media tarde chegará a Segunda profesional, coa visita do Celta Fortuna a Montilivi para medirse ao Xirona.

A principal cita estará pola noite no estadio Metropolitano co Atlético de Madrid-Deportivo. O conxunto herculino é noveno con 11 puntos (dúas vitorias, cinco empates e dúas derrotas, con 13 goles a favor e 12 en contra) e leva cinco xornadas sen gañar: empatou en Getafe, perdeu en Riazor co Sevilla, empatou co Betis, caeu 3-2 en Donostia e empatou 1-1 co Levante o venres pasado. A súa última vitoria foi o 2-3 en Villarreal o pasado 5 de setembro. Enfronte estará o segundo clasificado, o Atlético, con 22 puntos (sete vitorias, un empate e unha derrota, con 19 goles a favor e só 8 en contra), que acaba de gañar 1-0 ao Espanyol, que superou 2-1 ao Real Madrid no derbi e que só perdeu 3-0 en Bilbao ante o Athlétic.

O baloncesto tamén estará presente, coa cobertura na Liga ACB do Murcia-Básquet Coruña. A situación dos dous cadros é preocupante, xa que só sumaron un triunfo en catro xornadas e comezan a quedar descolgados da zona cómoda da clasificación. Durante a tarde, a Radio Galega conectará con dous encontros da competición elite do baloncesto feminino: Baxi Ferrol-Biskaia e Celta-La Seu.

Xa o domingo, desde as 11:45 h, a edición matinal prolongarase ata as 15:00 h co baloncesto ACB e a visita do Obradoiro ao Tenerife. Fronte a fronte estarán dous equipos que atravesan cadanseu momento doce, con tres vitorias e unha derrota no primeiro mes de campionato. Tamén haberá fútbol, desde Riazor, coa xornada da Primeira Feminina entre o Deportivo e o Alavés. As coruñesas acaban de gañar 2-3 en Eibar, mentres o Alavés empatou a semana pasada ante o Sevilla en Mendizorroza.

A sesión de tarde comezará ás 15:15 h co punto de directo principal en Balaídos para contar o Celta-Betis. Os celestes son oitavos con 11 puntos (dúas vitorias, cinco empates e dúas derrotas, con 10 goles a favor e 7 en contra) e acaban de derrotar o Celtic por 2-1 en Glasgow cos dous goles de Javi Rodríguez nunha remontada histórica dos celestes. O Betis é cuarto con 19 puntos (seis vitorias, un empate e dúas derrotas, con 16 goles a favor e 14 en contra), pero as súas dúas derrotas foron moi abultadas: 5-2 en Levante e 2-5 na casa ante o Barcelona. Os verdibrancos tamén gozaron do éxito esta semana en Europa tras derrotar ao Feyenoord na Champions League, converténdose así no equipo revelación, xa que fixo pleno de triunfos nas tres primeiras xornadas da fase de grupos.

Despois do fútbol chegará o baloncesto ás 18:00 h co Pazo de Lugo como punto de referencia. O Breogán perdeu en Andorra a súa condición de invicto e na quinta xornada tócalle recibir a un rival que está medrando, o Unicaja Málaga, que acaba de sumar dous triunfos consecutivos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade