div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Cangas é esta semana o escenario de 'A miña gran cidade', en que a olímpica Teresa Portela lle ensina a súa vila á actriz Elena Furiase

Para conquistar a súa convidada, a piragüista preparoulle un paseo pola Alameda, uns viños nun furancho, un xantar de luxo e unha divertida travesía pola ría

csag.gal 08/02/2026 00:01

Santiago, 8.2.2026.-   O espazo ‘A miña gran cidade’ (22:05 h) ten hoxe como destino Cangas, unha xoia do Morrazo, coas súas praias idílicas e o seu marisco de primeira. Alí, unha famosa canguesa ensinaralle a súa vila natal a outra celebridade para convencela de que é o lugar ideal para pasar uns días de vacacións, pero cunha limitación: só terá unha hora para conseguir o seu propósito. Coma sempre, a decisión final de quedar ou marchar será da visitante.

A anfitrioa desta semana é unha deportista de elite, unha lenda das Olimpíadas durante décadas e un referente como persoa: Teresa Portela.  Esta piragüista de augas tranquilas é unha lenda viva do deporte a nivel internacional, xa que foi dúas veces campioa do mundo, sete veces de Europa e a única muller española en participar en sete Xogos Olímpicos, en que logrou a medalla de prata en 2020 en Toquio.

Pero a súa convidada non queda atrás. Os seus papeis na pequena e na gran pantalla, o seu carisma e sentido de humor fixérona brillar con luz propia entre unha famosa familia de artistas. Elena Furiase debutou como actriz con 14 anos, pero foi o seu papel en ‘El Internado’ o que a catapultou á fama absoluta.

Para conquistar a súa convidada, a deportista olímpica pensou nun paseo pola Alameda, onde arrancará esta aventura pola fermosa vila de Cangas. Tamén tomarán unhas cunhas de viño no Furancho de Mauricio, onde Furiase quedará fascinada coa cultura dos furanchos e dos cantos de taberna.

Na seguinte experiencia, antes de ir xantar ao restaurante Awen, ambas as dúas reflexionarán sobre o seu éxito temperán, no remo e na pantalla, e sobre o duros que son sempre os comezos. Finalmente, irán a Aldán, onde Teresa deu as súas primeiras paladas, e gozarán xuntas dunha divertida travesía pola ría para pechar esta aventura inesquecible no Morrazo. Será todo isto suficiente para convencer a filla de Lolita Flores de quedar en Cangas?
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade