Celanova acolle a segunda audición de 'Recantos. O cásting', con voces extraordinarias e moitas emocións - CSAG
Celanova acolle a segunda audición de 'Recantos. O cásting', con voces extraordinarias e moitas emocións
Duarte Galbán e o xurado reciben no Auditorio Municipal Ilduara os aspirantes, que acoden á selección musical arroupados por familiares, amigos e mesmo mascotas

Santiago, 10.8.2026.- A artista Pili Pampín, o produtor musical Cristian Yennia e o director de televisión Manu Turnes descobren en 'Recantos. O cásting' (22:00 h), que a provincia de Ourense agocha artistas en cada recuncho. Con idades comprendidas entre os 18 e os 70 anos, os aspirantes intentarán convencer o xurado de que teñen ‘alma de recanteiro’.
‘Negra sombra’, de Luz Casal; ‘Pídechas o corpo’, de Ana Kiro; ‘Puedes contar conmigo’, de La Oreja de Van Gogh; ‘Padiante’, de Sen Senra; ‘I have nothing’, de Whitney Houston; ‘Hoxe, mañá e sempre’, de Tanxugueiras, e ‘Cuando tú vas’, de Chenoa, son algúns temas que resoarán no Auditorio Municipal Ilduara.
E entre tema e tema, familiares, amigos e ata mascotas compartirán con Duarte Galbán os nervios e as experiencias persoais máis emocionantes.
Neste segundo programa o xurado será incapaz de conter a risa, bailará, sorprenderase con voces inesperadas e terá que dicirlle a algún dos concursantes que debe seguir intentándoo.
Un programa de entretemento para toda a familia, onde, por primeira vez na historia, pódese ver a fase de selección dos artistas que participarán a próxima temporada en ‘Recantos’, a mítica sección de ‘Luar’.
Cunha coidada posta en escena, o programa nace compartindo o obxectivo da mítica sección de ‘Luar’, descubrir os talentos musicais da terra. Oito audicións e unha gran gala final da que sairán os recanteiros da nova temporada.