Chega á TVG 'Millonarios', nova serie de humor protagonizada por dous grandes da comedia: Xosé A. Touriñán e Eva Iglesias - CSAG
Chega á TVG 'Millonarios', nova serie de humor protagonizada por dous grandes da comedia: Xosé A. Touriñán e Eva Iglesias
Nesta mestura de ficción e realidade, que abrirá o prime time dos domingos, unha parella da clase traballadora, agraciada pola lotaría, vivirá situacións propias da elite, parodiando os excesos e extravagancias habituais nos ‘realities’ da xente rica

Santiago, 29.08.2026.- A Televisión de Galicia estrea este domingo, ás 22:00 horas, ‘Millonarios’, a primeira ficción en inaugurar a nova temporada de outono e unha das grandes apostas de entretemento da canle pública galega. Protagonizada por Eva Iglesias e Xosé A. Touriñán, a serie propón unha divertida viaxe polo mundo do luxo e os privilexios, parodiando os excesos e extravagancias habituais nos reality shows da xente rica, pero sempre desde a perspectiva próxima e humilde dos seus protagonistas.
‘Millonarios’ ten como protagonistas dúas persoas da clase traballadora ás que, de súpeto, lles toca a lotaría. Esa é a situación á que se enfrontan Telmo e Luísa, unha parella do rural galego que, tras gañar un gran premio, decide xubilarse anticipadamente e embarcarse nunha serie de experiencias propias da xente con cartos. Spas e balnearios exclusivos, regatas, torneos de golf, restaurantes de alta cociña ou retiros esotéricos forman parte das aventuras ás que se lanzan, co obxectivo non de aparentar, senón de satisfacer a curiosidade vital de saber como é iso de ser rico, sen renunciar á súa forma de ser.
A serie constrúe o seu humor a partir do contraste entre a naturalidade dos protagonistas e a sofisticación dos ambientes que visitan. Lonxe de aspirar a converterse en ricos convencionais, Telmo e Luísa observan ese universo cunha ollada limpa e sen prexuízos, con sentido común e moita ironía, xerando continuas situacións cómicas desde o contraste e a pomposidade do mundo ao que se asoman.
Cada capítulo combina secuencias guionizadas con interaccións espontáneas e imprevistas coa xente da rúa, que incorporan frescura e aumentan a carga humorística do momento. Tamén os protagonistas comparten as súas impresións directamente coa audiencia, con retranca e cun humor intelixente.
Na primeira entrega deste domingo, os espectadores verán como, tras gañar unha fortuna no Euromillón, os protagonistas seguen levando unha vida discreta na aldea. Pero cando deciden darse un capricho nun exclusivo spa de luxo, descobren que o mundo dos ricos está cheo de costumes que non acaban de entender: piscinas sen diversión, masaxes inesperadas e un sofisticado ‘cocido deconstruído’ que pon a proba a paciencia -e a fame- de Telmo.
