div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Cobertura especial dos medios públicos da elección do novo Papa

No momento en que haxa fumata branca no Vaticano, a Televisión de Galicia e a Radio Galega ofrecerán espazos informativos especiais desde San Marcos

crtvg.gal 06/05/2025 15:54

Santiago, 07.05.2025.- Coincidindo co inicio do conclave no que os cardeais reunidos na Capela Sixtina escollerán o novo Papa —un proceso marcado polo segredo, os símbolos e a transcendencia histórica—, a CRTVG despregará un dispositivo especial en televisión, radio e plataformas dixitais para informar en tempo real sobre este acontecemento de alcance global.

A cobertura incluirá conexións en directo desde o Vaticano, entrevistas con expertos, análise de contexto e voces representativas da Igrexa e do mundo académico, co obxectivo de achegar á audiencia galega as claves dunha elección que marcará o futuro da Igrexa católica.

No momento en que haxa fumata branca no Vaticano, a Televisión de Galicia ofrecerá un Especial que contará coa participación de Alberto Varela, xefe de Informativos da Radio Galega. Entre os convidados confirmados figuran o xornalista vaticanista Juan Vicente Boo, o Arcebispo Emérito de Santiago Julián Barrio, o Arcebispo de Santiago Francisco José Prieto, o Arcebispo de Mérida-Badaxoz José Rodríguez Carballo e o bispo de Ourense Leonardo Lemos. Tamén intervirán o teólogo Pedro Castelao (Universidade de Comillas), a relixiosa Silvia Rozas, secretaria xeral da CONFER e o diplomático vaticano Francisco Froján Madero. O enviado especial da CRTVG, Marcos Sueiro, informará en directo desde Roma, onde se prevén entrevistas con representantes eclesiásticos destacados.

A Radio Galega ofrecerá o especial ‘Habemus Papam’ desde o Estudio Multimedia da emisora, coa xornalista Cristina García narrando o resultado do conclave desde o Vaticano. Participarán como convidados neste especial Milagros Otero, Silvia Rozas, Pedro Castelao, o xurista Celso Alcaina, o analista Roberto Blanco Valdés, representantes do episcopado galego e docentes como Francisco Buide e Luis Rodríguez Patiño. Tamén está prevista unha intervención do colexio La Merced de Sarria, actualmente de visita en Roma.​​

Toda a cobertura poderá seguirse tamén a través da plataforma dixital G24.gal, que ofrecerá actualizacións constantes, vídeos, análises e os momentos clave do conclave e da eventual fumata branca que anunciará o novo pontífice.

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade