div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Cultural Leonesa-Deportivo da Coruña, este sábado pola primeira canle da TVG

A G2 emite o Talavera-Pontevedra da Primeira RFEF

csag.gal 30/01/2026 16:20

Santiago, 30.1.2026.-   Os afeccionados ao fútbol teñen este sábado unha nova ocasión de ver en directo un partido da liga profesional pola primeira canle da Televisión de Galicia. O estadio Reino de León acolle o enfrontamento entre a Cultural Leonesa e o Deportivo da Coruña, que chega cos dous equipos necesitados de puntos. O cadro local está a un do descenso á Primeira RFEF, mentres o conxunto herculino vén de perder ante o Rácing de Santander e quedou ás portas de entrar nos postos de ascenso directo á Primeira División profesional. 

O comezo do 2026 non foi bo para ningún dos dous. A Cultural só sumou dous empates nas últimas cinco xornadas, sufrindo tres derrotas. Os números do Deportivo tampouco convidan ao optimismo, xa que gañaron un, empataron dous e perderon outros dous.

A emisión comezará ás seis da tarde, para ofrecer a previa máis completa coas entrevistas aos adestradores dos dous equipos, Cuco Ziganda e Antonio Hidalgo. Óscar Benito encargarase da narración do xogo, acompañado polo adestrador Tito Ramallo e a ex-xogadora Miriam Ríos

O campionato de liga na Primeira RFEF abre o sábado pola tarde as retransmisións da fin de semana na segunda canle da Televisión de Galicia. A partir das catro e cuarto, o Talavera e o Pontevedra serán os protagonistas sobre o céspede do Prado con tres puntos en xogo que poden marcar o futuro dos dous equipos. Mentres o Pontevedra defende a terceira praza que permite xogar a fase de ascenso, o equipo local ocupa zona de descenso á Segunda RFEF.

O Pontevedra parte como favorito, aínda que nas últimas dúas xornadas só puido empatar ante o Arenteiro, en Pasarón, e o Mérida no estadio Romano. O Talavera vén de ser goleado en Salamanca, pero no seu campo é un rival complexo. Hai unhas semanas foi o protagonista na Copa do Rei ao enfrontarse ao Real Madrid e perder só por un apertado 2-3, estando a punto de forzar o tempo de prórroga.

O domingo, desde as cinco da tarde, os afeccionados ao fútbol galego da Segunda RFEF teñen unha cita na plataforma AGalega.gal. Desta volta serán tres os puntos de directo: Verín, Sarria e Vigo. A Unión Deportiva Ourense ten que xogar lonxe do Couto, ao estar en obras, e escolleu o campo José Arjiz para recibir ao filial do Burgos. Na Ribela, a Sarriana actúa de local fronte ao filial do Real Valladolid. Por último, o Coruxo recibe o Salamanca, herdeiro do histórico equipo que chegou a competir na Primeira División.                   

‘En Xogo’

Ao remate da xornada futbolística da fin de semana, o programa ‘En Xogo’ resume todo sucedido a partir das dez e vinte e cinco minutos da noite, na G2 e en AGalega.gal. A partir das doce e cuarto, a primeira canle da TVG recuperará todo o sucedido na Primeira e Segunda División, con atención especial aos partidos Xetafe-Celta de Vigo e Cultural Leonesa-Deportivo da Coruña.

Deportes nos telexornais

Os informativos ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Telexornal Serán’ reservan amplos espazos para o deporte durante a fin de semana, coas últimas horas dos nosos equipos que compiten nas divisións de elite. Ademais do fútbol, os partidos de baloncesto Granada-Breogán, Baxi Ferrol-La Seu, Araski-Ensino, Obradoiro-Oviedo, Ourense-Fuenlabrada e Melilla-Coruña estarán presentes durante o sábado e o domingo.

‘En Xogo Motor’

A segunda canle da Televisión de Galicia abre o último sábado de cada mes unha ventá ao ‘En Xogo Motor’. A primeira entrega do 2026 vai estar centrada no rally Dakar, coa visita ao estudio dos participantes na proba de motos Fran Gómez Pallas e Miguel Puertas. Tamén estarán presentes Eduardo Iglesias, que competiu durante seis anos, e Ricardo Ramilo, con catro experiencias vividas nesta competición. Os afeccionados ao mundo do motor poderán ver o programa ás oito e media do serán, e en canto remate estará á disposición na plataforma AGalega.gal.
                                                                

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade