Entre medicina, tradición e paisaxes únicas, 'Curando o mundo' leva hoxe a súa cirurxía á cidade china de Lanzhou - CSAG
Entre medicina, tradición e paisaxes únicas, 'Curando o mundo' leva hoxe a súa cirurxía á cidade china de Lanzhou
Emprende unha viaxe por Linxia e o mosteiro de Labrang, ata os 3.500 m da meseta tibetana. Amais, a Galega achegará outra misión médica en Serra Leoa e Liberia

Santiago, 16.9.2025.- A TVG ofrecerá este martes unha nova entrega de ‘Curando o mundo’ (22:35 h), a serie documental que presenta as viaxes do cirurxián coruñés Diego González Rivas, que está revolucionando a cirurxía torácica, ensinando polo mundo adiante a súa técnica minimamente invasiva UniportalVATSeRats, empregada en operacións de pulmón.
González Rivas visitará nesta ocasión a cidade china de Lanzhou, onde Diego González Rivas forma cirurxiáns locais e opera con robots de última xeración. A viaxe lévao por Linxia e o mosteiro de Labrang, ata os 3.500 m da meseta tibetana, entre medicina, tradición e paisaxes únicas.
A Galega ofrecerá, amais, outra das viaxes do cirurxián coruñés, unha misión médica que o levará a dous dos países máis pobres do planeta: Serra Leoa e Liberia. Este programa é a continuación da misión que o leva de Freetown a Monrovia, capital de Liberia. Na súa aventura africana, os espectadores serán testemuñas de varios dos momentos máis tensos vividos ata o de agora polo cirurxián, que, por sorte, rematarán como rematan as boas historias: cun final feliz.