Esperanza Aguirre namórase de Ribadavia nesta nova entrega de 'A miña gran cidade: Corazón galego', con Silvia Jato de anfitrioa - CSAG
Esperanza Aguirre namórase de Ribadavia nesta nova entrega de 'A miña gran cidade: Corazón galego', con Silvia Jato de anfitrioa
As dúas protagonistas percorren hoxe o corazón histórico do Ribeiro, xantan no restaurante Sábrego e coñecen o mundo do traxe tradicional galego

Santiago, 12.01.2026.- ‘A miña gran cidade: Corazón galego’ (22:40 h) viaxa ao Ribeiro cun dúo que non deixa indiferente: a presentadora e modelo Silvia Jato, anfitrioa orgullosa da súa terra, e a política Esperanza Aguirre, convidada madrileña disposta —ou iso di— a mergullarse de cheo na cultura galega para gañar o seu carné de ‘Corazón galego’.
A primeira experiencia lévaas ata Ribadavia, corazón histórico do Ribeiro. Esperanza pasea por primeira vez pola vila e non tarda en renderse: “É unha das vilas máis fermosas de España”. Silvia observa a reacción da súa convidada con orgullo e emoción. Durante o paseo acompáñaas Antonio Míguez, historiador, veciño da vila e responsable da Oficina de Turismo, unha auténtica enciclopedia viva do Ribeiro. Con el, Esperanza resolve dúbidas e descobre que a historia aquí está en cada recuncho.
A seguinte parada é na igrexa de Santiago de Ribadavia. No interior, varios veciños recíbenas ao carón dun fermoso belén, feito a man en madeira de castiñeiro por Xulio, que deixa impresionadas as dúas visitantes. A ruta continúa pola Xudaría de Ribadavia, un dos barrios hebreos mellor conservados de Galicia. Alí fan parada en A Tafona do Camiño, onde as recibe Chema Dapena, copropietario do obradoiro e defensor da memoria sefardí, que preserva a través de receitas tradicionais herdadas da súa avoa israelí. Despois de tanto camiñar, Esperanza recoñece o cansazo, pero aínda queda un último punto forte: o castelo. Desde alí, a política madrileña namora dos parladoiros, os asentos de pedra situados aos dous lados das ventás do castelo.
Tras tanto camiñar, toca sentar á mesa na segunda experiencia do programa. O escenario do xantar é o restaurante Sábrego, onde as atende Jorge González, xerente do local e cuarta xeración dunha familia vencellada ao viño do Ribeiro.
A última experiencia desta primeira entrega lévaas ao mundo do traxe tradicional. A mestra é Mercedes, costureira experta, que lle explica a Esperanza que antigamente as pezas do traxe galego e os seus nomes. Mercedes viste a Esperanza precisamente cun de gala típico do sur de Ourense, negro, con bordados delicados.
A primeira entrega de Esperanza Aguirre polo Ribeiro remata co traxe posto, pero aínda lle quedan por diante máis aventuras para conquistar o carné de Corazón galego, como aprender de primeira man os segredos do viño do Ribeiro nunha adega, os beneficios e praceres do termalismo ourensán ou a ledicia dos cantos de taberna.
