div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

Fútbol, baloncesto, motocrós e vela, na fin de semana da G2 e AGalega.gal

A primeira canle dedica amplos espazos á información deportiva nos telexornais 
 

crtvg.gal 06/06/2025 14:27

Santiago, 06.06.2025.-  As retransmisións deportivas da fin de semana comezan na Televisión de Galicia a través da segunda canle e da plataforma AGalega.gal ao mediodía do sábado coa celebración da última xornada da Galicia 52 Super Series Royal Cup. A competición estase desenvolvendo desde o martes e está considerada como unha das tres máis importantes do mundo, xunto coa Copa América e a Ocean Race. Os especialistas cualifícana como a Fórmula Un da vela, porque os equipos teñen liberdade de desenvolver as súas propias ideas e porque a velocidade manda.

A tarde do sábado estará protagonizada polo fútbol de ascenso á Segunda RFEF desde o campo municipal da Estrada. Alí o equipo local recibe a Sarriana no partido de volta da final galega, que ten como referencia da ida o resultado de 2-0 a prol do equipo da provincia Lugo. O campión autonómico enfrontarase ao vencedor da eliminatoria murciana Pulpileño-Santomera, que comezou co empate a cero tras os primeiros noventa minutos.

O domingo, o motocrós estará presente por partida dobre co Gran Premio de Letonia do mundial MXGP. A primeira manga comezará á unha da tarde e a segunda disputarase a partir das catro.

O piloto vigués Rubén Fernández afronta a undécima cita do calendario co obxectivo de recuperar parte do terreo perdido a semana pasada en Alemaña, logo de sufrir unha caída que lle resta opcións para entrar no podio da clasificación xeral. 

Ao remate das motos comezará a final por unha praza na Liga ACB da próxima temporada. Estudiantes, Betis, Palencia e Fuenlabrada son os protagonistas da fase de concentración na capital de España e só o primeiro ten dereito a competir cos grandes do baloncesto español no exercicio 2025-2026.

Deportes nos telexornais

Durante a fin de semana, os telexornais ‘Bos Días’, ‘Telexornal mediodía’ e ‘Telexornal serán’ dedicarán amplos espazos á información deportiva, coa última hora dos equipos galegos de elite que planifican xa a próxima temporada. Outros argumentos serán as finais da Liga das Nacións de fútbol, o desempate da semifinal pola liga de fútbol sala entre o Burela e o Navalcarnero e a eliminatoria de hóckey a patíns entre o Reus e o Liceo da Coruña.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade