div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Fútbol e balonmán, na tarde do xoves pola segunda canle da TVG e AGalega.gal

Ás cinco, Deportivo-Porto polo Teresa Herrera feminino, e a continuación, Cisne-Veszprem na primeira semifinal do cuadrangular Interpontes

csag.gal 13/08/2026 00:02

Santiago, 13.8.2026.-   Este xoves continúan as retransmisións deportivas de primeiro nivel nas distintas canles da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. A G2 e a plataforma dixital AGalega.gal ofrecerán en directo, a partir das cinco da tarde, a final do Teresa Herrera feminino, e a continuación chegará a primeira semifinal do cuadrangular de balonmán que leva o nome de Interpontes.

O Dépor Abanca, da man do novo preparador Alberto Rodríguez, afronta a final ante o Porto de Portugal no estadio municipal de Riazor cun cadro de xogadoras renovado en profundidade. Entre as incorporacións máis destacadas figura a da colombiana Daniela Caracas, procedente do RCD Español e con ficha ata 2028, así como o ascenso ao primeiro equipo das canteirás Paula Redruello, Lucía Rivas e Ainoa Gómez, recentes campioas de Europa sub-19 coa selección española. A isto súmase a continuidade definitiva de Marisa García, que pasa a ser propiedade do club tras militar a temporada anterior cedida polo Real Madrid.

Roberto Carlos Carballo encargarase da narración dos noventa minutos de xogo desde as cinco da tarde, acompañado nos comentarios técnicos polo adestradora e xornalista Sara Gallego.

A partir das sete, o deporte continuará na G2 e en AGalega.gal desde o pavillón municipal de Pontevedra coa primeira semifinal do torneo Interpontes entre o equipo anfitrión, o Cisne de Pontevedra, e o conxunto húngaro do Veszprém. O rival dos galegos é un dos clubs de referencia no balonmán europeo, catro veces finalista da Champions League e dirixido desde o banco por Xavi Pascual, exadestrador do Octavio de Vigo e do F. C. Barcelona.

O venres, tamén a partir das sete, a G2 e AGalega.gal ofrecerán a final entre o gañador do Veszprém-Cisne e do Cangas-Porto. Tomás Alonso narrará as dúas citas, cos comentarios do prestixioso adestrador Víctor García ‘Pillo’. En teoría, os favoritos para pelexar polo título son os dous equipos estranxeiros, polo que a final de consolación terían como protagonistas aos dous cadros galegos.

O cuadrangular Interpontes naceu en 2025 como iniciativa conxunta do Concello de Pontevedra e o Club Cisne Balonmano, coa vontade de encher de novo o pavillón e achegar o balonmán de elite á boa vila. Nesta segunda edición incorpórase como coorganizador a SD Teucro, reforzando así o carácter de referencia deportiva que os dous clubs pontevedreses queren dar ao evento a nivel nacional e internacional.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade