Gatos en guerra e un can desobediente, retos do 'Somos Animais' desta noite - CSAG
Gatos en guerra e un can desobediente, retos do 'Somos Animais' desta noite
Hugo e Jorge enfróntanse a dous casos complexos, coa convivencia imposible entre catro felinos nun fogar e o comportamento imprevisible dun can

Santiago, 16.04.2026.- No primeiro caso que exporá esta noite ‘Somos Animais’ (22:40 h), Hugo Cabaleiro fará equipo con Xiana, unha veterinaria especializada en comportamento animal, para intentar axudarlle a Antía cos seus catro gatos. A vida de Antía mudou moito máis do que esperaba tras trasladarse de Madrid a Santiago. A súa volta á casa familiar supuxo que trouxera consigo dous gatos que adoptou alá. O problema é que Leo, un dos gatos madrileños, non pode ver nin en pintura a Gilda, unha das gatas que vivía xa na casa. E como non se poden ver, a dona bota o día tratando de evitar que pelexen e acaba chea de rabuñadas.
Pola súa parte, na segunda intervención deste xoves, Jorge tampouco o vai ter doado con Lucas, un can de aldea que está afeito a facer o que quere e non soporta que lle impoñan nada. Lucas foi un can comunal na parroquia de Ángela ata hai seis anos, cando o seu dono morreu e quedou con ela polo vínculo que xa tiñan por darlle comida e moitos aloumiños. O seu principal problema é que é reactivo con outros cans cando os atopa nos paseos, pero ten outras cousas: bañalo é toda unha odisea, cando non vas polo percorrido que lle gusta queda paralizado no chan... E tamén viven cunha gata que non se deixa acariñar.