Gran Parada e Finisterre cara a cara en 'A orquestra perfecta' - CSAG
Gran Parada e Finisterre cara a cara en 'A orquestra perfecta'
O talent musical do verán da TVG continúa a súa procura da formación perfecta cun dos grandes derbis da historia das orquestras galegas

Santiago, 22.8.2026.- A procura da orquestra perfecta continúa e, este sábado, a competición sobe un novo chanzo cun enfrontamento entre dúas auténticas históricas das orquestras galegas: Gran Parada e Finisterre. Dúas formacións míticas. Dúas historias moi diferentes. Dous nomes que forman parte da memoria musical e festiva de Galicia, esta noite, ás 21:55 horas, na TVG.
Gran Parada leva máis de seis décadas nos escenarios. Unha orquestra das de toda a vida, desas que forman parte da banda sonora das festas galegas e que acumulan xeracións de músicos, quilómetros de estrada e milleiros de actuacións. A súa é unha historia de grandes momentos, de éxito e tamén de traxedia. Unha historia marcada por un accidente mortal de tráfico que forma parte da memoria da formación, pero que non impediu que Gran Parada continuase subindo aos escenarios.
Fronte á Gran Parada estará a Finisterre, outro dos grandes nomes da historia das orquestras galegas. Un nome que xa parece contar unha historia: a orquestra da fin do mundo. Finisterre chegou a desaparecer, pero soubo volver aos escenarios e recuperar o seu lugar entre as grandes formacións da música galega. Un regreso que converte a súa historia nunha das máis singulares das orquestras de Galicia. Este sábado, a súa formación actual terá que demostrar que unha orquestra que soubo volver tamén pode chegar a ser a perfecta.
Gran Parada e Finisterre protagonizan así un duelo que vai moito máis alá da música. Un gran derbi entre dúas históricas que terá, ademais, consecuencias directas na procura da Orquestra Perfecta. Porque detrás de cada orquestra hai tamén grandes voces. E ese é o verdadeiro reto do programa: atopar os cantantes capaces de formar a orquestra perfecta.
E o cuarto programa terá tamén un dos momentos máis emotivos desta edición. Un dos cantantes abrirá o seu corazón para compartir co público unha experiencia moi dura da súa infancia, marcada polo acoso que sufriu na escola. Un relato persoal que fará que a música pase a un segundo plano e que deixará momentos de gran emoción tanto no escenario como entre o xurado e os demais participantes.
A gran final xa comeza a ter nomes propios. Alba Navarro, Oliver Pérez, Raúl Campos, Katty Méndez, Tamara Fernández, Santi Pulido, Marta Fernández e Néstor Peña xa teñen asegurado o seu posto entre os grandes finalistas.
Agora, este sábado, chegarán novas voces. Só tres cantantes conseguirán pasar á Gran Final, tres novos candidatos que se sumarán aos que xa conseguiron o seu posto. A competición continúa e, semana tras semana, a Orquestra Perfecta está cada vez máis preto de ser realidade.