María José Campanario busca en 'A Grande Escolla' a vaca perfecta para abraiar a Jesulín de Ubrique - CSAG
María José Campanario busca en 'A Grande Escolla' a vaca perfecta para abraiar a Jesulín de Ubrique
A convidada enfróntase a unha difícil elección, entre exemplares de rubia galega, cachena e frisoa, nun dos programas máis divertidos da temporada

Santiago, 14.04.2026.- ‘A Grande Escolla’ promete esta noite (22:40 h) unha das entregas máis divertidas da temporada coa visita de María José Campanario, que chega a Galicia cun obxectivo moi especial: atopar a vaca perfecta para agasallar o seu marido, Jesulín de Ubrique. Humor, concurso e divulgación danse a man nun programa en que a convidada terá que tomar unha decisión nada doada.
A presentadora e persoal shopper Noelia Rey será a encargada de guiala nesta peculiar procura. O encontro ten lugar no Pazo de Bendoiro, en Lalín, onde Campanario descubrirá tres propostas moi diferentes: unha rubia galega, unha cachena e unha frisoa, tres razas con características propias que poñerán a proba os seus criterios.
Presentada por Tamara Sobrado, a primeira opción é Luna que, cun custo de 15.000 euros, é unha impoñente rubia galega de Rodeiro, coñecida pola calidade da súa carne e o seu carácter tranquilo, aínda que chega cunha sorpresa: unha becerriña de dous meses da que non pode separarse. Da man de Álvaro Varela chega a segunda proposta, Sabela, unha cachena procedente de Sobrado dos Monxes, unha raza rústica, resistente e cada vez máis valorada, que destaca pola súa singularidade e adaptación ao medio, e que está preñada. O valor por exemplar é duns 1.500 euros. Óscar Neira trae a última proposta, Rosalía, unha frisoa de Lalín, cun prezo de 2.000 euros, que representa a gran produtora de leite, cun carácter dócil e unha capacidade produtiva que non pasa desapercibida.
Campanario terá que valorar non só as características e prezo de cada animal, senón tamén o vínculo emocional que establece con eles. Tres vacas con moita tradición no país e unha única elección.
