Melani presenta o seu primeiro traballo discográfico nun 'Luar' que tamén contará coas actuacións de Paco Lodeiro e El Combo Dominicano - CSAG
Melani presenta o seu primeiro traballo discográfico nun 'Luar' que tamén contará coas actuacións de Paco Lodeiro e El Combo Dominicano
Ademais, pasarán polo escenario o artista emerxente galego Quinte, a Rondalla de Cedeira e a banda madrileña de punk Boikot

Santiago, 19.06.2026.- O programa ‘Luar’ recibirá esta noite (21:40 h) a visita da cantante Melani, que desde moi pequena amosou unha gran paixón pola música. Saltou á fama en 2018 ao proclamarse gañadora dun coñecido talent infantil con só 11 anos, sorprendendo o público e o xurado pola súa extraordinaria capacidade vocal e por interpretar pezas de grande esixencia técnica pouco habitual en artistas da súa idade. A artista valenciana presentaralle o ao público o seu primeiro EP, ‘Oniria’, que hoxe mesmo ve a luz. Trátase dun proxecto cargado de maxia en que conviven dous mundos: o pop e o da ópera. Neste primeiro álbum de estudio combina a súa sólida formación vocal con sons contemporáneos e unha identidade creativa cada vez máis definida.
Outra figura emerxente que hoxe estará no espazo da TVG é o artista galego Quinte, que busca mesturar todas aquelas referencias que o fixeron amar a música para conseguir un pop con letras e historias do día a día. Interpretará no escenario ‘Conjuro’, un sinxelo musical lanzado en marzo deste ano que destaca pola súa emotividade e os seus ritmos, que falan de desamor, de obsesión e do misterio dos sentimentos.
Ademais, o programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar ofrecerá a actuación de Paco Lodeiro, que actuará en solitario e a dúo con Yennia, un multiinstrumentista e vocalista que, formado polos grandes mestres do panorama galego, está a revolucionar o mundo da verbena.
Un mundo en que destaca El Combo Dominicano, unha das orquestras máis populares na nosa terra, que tamén está convidada ao ‘Luar’ deste venres. Cun estilo propio que fusiona merengue, bachata, salsa e cumbia, converte cada unha das súas actuacións nunha auténtica festa.
Completan o cartel musical deste venres a Rondalla de Cedeira e banda madrileña de ska, punk e rock Boikot, que se caracteriza pola mensaxe de compromiso social das súas cancións.
Nesta edición de ‘Luar’, en que se falará do invento máis caro da historia, o humor virá da man de Todo Mal e dos personaxes de Rosita e Lalo Penelas, interpretados por Patricia Vázquez e Xosé A. Touriñán, respectivamente. No tempo do concurso ‘Recantos’, esta semana será a quenda de Flor Becerra, representante de Galicia centro, e de Lu Pérez, procedente da comarca da Arousa.