No programa 'A miña mascota tamén fala', que este martes estrea AGalega.gal, donos de animais intentarán demostrar que o seu é o máis especial - CRTVG
No programa 'A miña mascota tamén fala', que este martes estrea AGalega.gal, donos de animais intentarán demostrar que o seu é o máis especial
O xoves chegará á plataforma dixital da CRTVG o documental ‘Toñito Blanco, só, perdido e vicioso’, con motivo do 30º aniversario da morte deste cineasta, que foi un referente para a súa xeración
A novidade da semana en Xabarin.gal é o filme de animación ‘Un gato en París’, que se poderá ver a partir do venres
Santiago, 19.11.2024.- Todos pensamos que a nosa mascota é irrepetible, pero, a partir deste martes, os usuarios de AGalega.gal coñecerán algunhas que si o son de verdade, xa que poderán escoitar o que pensan. A plataforma dixital dos medios públicos estrea hoxe o programa ‘A miña mascota tamén fala’, en que os compañeiros e compañeiras das mascotas intentarán demostrar que o seu amigo peludo é o máis especial para facerse co premio final. Na primeira entrega, xa dispoñible, as protagonistas serán Lucía e a súa cadeliña Junio, en Lugo, e Susana, que desde Bembrive, en Vigo, deixará os espectadores abraiados coa súa galiña Paupeta.
Desde este luns tamén está dispoñible un novo capítulo de ‘Galegos’, en que o protagonista será o escritor e enxeñeiro de telecomunicacións Xavier Alcalá. Este espazo retrata os últimos 50 anos da historia de Galicia desde o punto de vista de persoas destacadas en diferentes ámbitos profesionais: a política, a economía, a educación, a cultura e o pensamento.
Mañá mércores, AGalega.gal estreará un novo capítulo da serie ‘Pringadas’, que conta a vida de tres universitarias da USC desde unha mirada feminista e transgresora. Nesta entrega, Antía ten unha relación a distancia complicada coa súa noiva Belén. Pensa que o ten todo controlado, pero acaba véndose cunha ex, Uxía. Ese mesmo día tamén se estreará a película ‘A miña gran voda italiana’, unha comedia que se poderá ver durante 30 días.
O xoves día 21 chegará a AGalega.gal o documental ‘Toñito Blanco, só, perdido e vicioso (O home do traxe amarelo)’, sobre a vida e obra do cineasta e xornalista Toñito Blanco, autor de ‘La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos’, do que o 22 de novembro fai tres décadas do seu falecemento. Creador audiovisual inquedo e ecléctico, foi un referente para a súa xeración. Porén, o seu tráxico final, con apenas 30 anos, tamén amosou a cara máis amarga dos anos 80. Este documental tamén se emitirá na G2 esa mesma noite.
Por outro lado, o catálogo de cinema da plataforma medrará o venres 22 de novembro coa película de adrenalina e suspense coreana ‘O obxectivo’, que presenta a Yeo-Hoon, un mercenario de elite retirado, que agora leva unha vida completamente normal. Un día, tras ver un home asasinado, uns delincuentes atácano, déixano ferido e trasládano ao hospital. Despois convértese no principal sospeitoso do asasinato que presenciou.
Estrea do filme ‘Un gato en París’ en Xabarin.gal
A novidade desta semana en Xabarin.gal é o filme francés de animación ‘Un gato en París’. O seu protagonista é Dino, un gato que divide a súa vida entre dous fogares. De día vive con Zoe, filla de Jeanne, unha detective de policía, e pola noite acompaña a Nico, un ladrón.