O artista aragonés Juanjo Bona descobre os encantos de Verín en 'A miña gran cidade', da man de Esther Estévez - CSAG
O artista aragonés Juanjo Bona descobre os encantos de Verín en 'A miña gran cidade', da man de Esther Estévez
O programa da TVG (22:50 h) viaxa á comarca de Monterrei para vivir unha xornada chea de Entroido, música tradicional, gastronomía e augas termais

Santiago, 15.2.2026.- A terra do viño de Monterrei, das augas de Cabreiroá e dun dos Entroidos máis emblemáticos de Galicia convértese este domingo no escenario dunha nova entrega de ‘A miña gran cidade’, o programa de entretemento da TVG presentado por Noelia Rodríguez.
Nesta ocasión a anfitrioa será unha cara moi coñecida para a audiencia galega, Esther Estévez, que recibirá en Verín o cantante aragonés Juanjo Bona, un novo talento da música que se deu a coñecer nun importante concurso televisivo e que destaca polo seu compromiso coa tradición musical da súa terra.
Durante 24 horas, Esther tratará de convencer o seu convidado de que Verín é o destino perfecto para pasar uns días de vacacións. Para logralo, preparoulle un percorrido cheo de experiencias: un paseo polas rúas da vila para coñecer de preto o rei do Entroido verinés, o cigarrón; un xantar no restaurante Regueiro da Cova; un encontro coa música tradicional, xunto ao seu grupo de gaitas, e unha visita aos históricos mananciais de Cabreiroá.
Coa limitación dun bono dunha hora para investir nas actividades que máis poidan sorprender ao seu visitante, a anfitrioa xogará todas as súas cartas para conquistar a Juanjo Bona. Ao remate da xornada, o artista deberá tomar a decisión final: quedar a gozar de Verín ou coller o billete de volta.