div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

O Basquet Coruña-Barcelona abre este xoves a semana de retransmisións na Radio Galega

En fútbol, R. C. Celta-Sevilla e Spórting de Xixón-Deportivo, partidos destacados na tarde do sábado

crtvg.gal 08/05/2025 09:21

Santiago, 08.05.2025.-     A semana deportiva na Radio Galega e AGalegaAudio.Gal comeza este xoves. A partir das 20:30 h., Roberto Carlos Carballo conduce a retransmisión do partido da Liga ACB de baloncesto entre o Basquet Coruña e Barcelona, desde o Coliseum. Pase o que pase, o equipo herculino evitará o descenso matemático á Primeira Federación e se fose quen de dar a sorpresa mantería mínimas opcións de permanencia. O equipo de Epi confía en repetir a fazaña da primeira xornada, cando derrotara o Real Madrid cunha xogada de catro puntos nos segundos finais.

 

O venres, tamén desde as 20:30 h, o baloncesto volverá ser protagonista, desta volta coa última xornada da competición regular na Primeira Federación. O Obradoiro xoga en Burgos ante o Tizona co obxectivo de acadar o triunfo e asegurar o factor cancha nos cuartos de final polo ascenso á ACB ante o Palencia. Mentres, o Ourense viaxa a San Sebastián para medirse ao Gipuzkoa coa ilusión de gañar e meterse nos play off.

Xa o sábado, a edición informativa das 14:20 h emitirase desde o circuíto de Lugo, na previa da disputa do Mundial de motocrós MXGP.

 

Ás 15:00 h, Xoán Galán dirixirá as retransmisións dos partidos Celta-Sevilla e Sporting de Xixón-Deportivo, que coinciden en franxa horaria. Para o Celta, o encontro é decisivo para seguir mantendo a sétima praza que conduce á Europa League. O rival chamou a Joaquín Caparrós para escapar da zona perigosa e tras dúas xornadas aínda non foi quen de acomodarse na zona tranquila. Pola súa banda, o Deportivo celebrará no Molinón a permanencia matemática na Segunda División ante un rival que logo de cesar ao galego Rubén Albés mellorou en resultados e semella estar xa fóra de perigo. Así e todo necesita polo menos tres puntos máis para certificar a continuidade tras a derrota do pasado luns en Castelló.

O fútbol de Primeira RFEF completará a sesión da tarde, coa visita do Lugo a Tarragona para medirse ao Nástic e o enfrontamento entre o Tarazona e o Ourense C. F.

 

O domingo, a sesión matinal comeza ás 11:45 horas con atención especial ao Deportivo-Sevilla, no que está en xogo para o cadro coruñés a opción de conquistar a permanencia matemática na Primeira División feminina. As outras citas son os encontros da Primeira RFEF Amorebieta-Celta Fortuna e Osasuna B-Arenteiro, xunto ao final con horario unificado da Terceira RFEF.

 

O baloncesto será outro dos argumentos, coa visita do Basquet Coruña ao Bilbao Basquet na Liga ACB. A partir das 15:00 h, o interese estará no Pazo de Lugo, onde o Breogán recibe ao Real Madrid. Ademais haberá clásico na Primeira en Montjuic, mentres na Segunda o Racing de Ferrol, xa descendido, visita a outro equipo que está ao bordo da caída, o Tenerife.

 

Audio nas televisións

Esta xornada, os espectadores poderán escoitar as retransmisións da Radio Galega nas opcións de audio dos seus operadores de televisión. Os partidos seleccionados son Celta-Sevilla, Sporting de Xixón-Deportivo, Basquet Coruña-Barcelona e Breogán-Real Madrid.

 

#GaliciaEnXogo

Este sábado o motor terá unha ampla presenza no proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo. Ás once da noite Rodrigo Pérez falará cos principais protagonistas da proba do mundial de motocrós programada para o domingo no circuíto de Lugo. O espazo tamén recollerá os resultados do Rally da Mariña, puntuable para o campionato galego. Ás 23:30 horas Toni López actualizará, como cada sábado, a actividade dos galegos que preparan os Xogos Olímpicos de 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade