div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O Celta-Juventus, este xoves pola Radio Galega e AGalegaAudio.gal na segunda xornada europea

Ás oito da tarde, desde Balaídos, edición especial de ‘Galicia en goles’

csag.gal 14/10/2026 15:46

Santiago, 14.10.2026.-  Este xoves chega a segunda xornada da Europa League e a Radio Galega programa catro horas exclusivas adicadas á retransmisión do partido entre o Celta de Vigo e a Juventus de Turín, desde as oito da tarde e ata as doce da noite. Roberto Carlos Carballo conduce o ‘Galicia en goles’, con Víctor López na narración do xogo, os comentarios dos adestradores Moncho Carnero e Xosé Ramón Valtierra, a análise arbitral de Mr. Asubío e o micrófono sen fíos de Gonzalo Alonso pulsando a opinión dos seareiros.  

Os dous equipos chegan á cita con sensacións moi diferentes na competición. O Celta comezou a súa participación cunha derrota en Chipre ante o Omonia Nicosia, grazas a un gol de Balkovec no minuto 88. Foi un resultado que deixou ao equipo de Claudio Giráldez sen vitorias nos sete primeiros partidos da temporada entre as competicións de liga e a europea. É a segunda campaña seguida que o Celta perde na primeira xornada, aínda que a pasada o equipo celeste acabou chegando aos cuartos de final.

A Juventus, pola contra, debutou con contundencia. O equipo de Luciano Spalletti golpeou o NEC Nijmegen por 5-0 no Allianz Stadium, con goles de Nico González, Alajbegovic, Woltemade (de penalti), Celik e Kolo Muani. A Juve chega a Europa tras rematar sexta a pasada Serie A, posto que lle deu acceso á Europa League sen opcións de entrar na Champions League.

No campionato ligueiro, o Celta atravesa un inicio de curso irregular. Suma oito puntos en oito xornadas, froito dunha vitoria, cinco empates e dúas derrotas, cun balance de oito goles a favor e seis en contra, e ocupa a zona media da táboa. O último domingo empatou sen goles no Martínez Valero, ante o Elx.

A Juventus ocupa a parte media-alta da Serie A. Despois de cinco xornadas, os bianconeri suman dez puntos, con tres vitorias, un empate e unha derrota, oito goles a favor e catro en contra, datos que o sitúan entre os mellores do calcio. Spalletti, que chegou ao banco xuventino hai xusto un ano, busca neste curso devolver ao equipo á Champions League pero sen a obsesión de pelexar polo scudetto.

O encontro ten un valor especial para o celtismo. A última vez que a Juventus visitou Balaídos, no 2000, o Celta de McCarthy e Makelele goleou os italianos por 4-0 nunha noite que segue viva na memoria da afección. Vinte e seis anos despois, o equipo vigués recibe de novo a un dos grandes nomes do fútbol europeo, nun partido no que Balaídos tentará empurrar ao equipo para sumar os seus primeiros puntos na competición.

A fase liga da Europa League continuará despois cunha dura viaxe a Glasgow para medirse co Celtic o 22 de outubro. Antes, o domingo 18, o equipo de Claudio recibirá en Balaídos ao Alavés no torneo ligueiro.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade