div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O Deportivo-Córdoba abre o martes o calendario das retransmisións na Radio Galega e AGalegaAudio.gal

Deportivo-Málaga e Valencia-Celta, partidos destacados da fin de semana

csag.gal 30/03/2026 18:00

Santiago, 30.3.2026.-  Esta Semana Santa o deporte ten máis protagonismo na programación da Radio Galega. O martes, ás sete media da tarde, Paco Santos conduce unha edición especial de ‘Galicia en goles’ que estará na antena da FM e da plataforma AGalegaAudio.gal ata as once da noite. Riazor será o punto principal do directo para contar o partido da Liga de Segunda División entre o Deportivo e o Córdoba. Javi Torres encargarase da narración do xogo, cos comentarios do ex futbolista Xosé Manuel Traba e o micrófono de Fernando Romero de Paz recollendo as opinións dos seareiros nos exteriores do estadio.

Volven o venres as retransmisións deportivas cunha nova xornada da Primeira Federación. A partir das oito e media da tarde, Rodrigo Pérez repartirá xogo no campo Alfredo Di Stefano de Valdebebas, onde Real Madrid Castela e Celta Fortuna disputan un dos encontros máis atractivos do calendario. Os celestes defenden a segunda praza da clasificación, mentres os brancos necesitan a vitoria para non quedar descolgados dos postos de fase de ascenso.

O sábado, desde as dúas e cuarto da tarde, a atención pasará por Riazor co enfrontamento directo entre dous equipos que aspiran ao ascenso directo á Primeira División, o Deportivo e o Málaga. A Primeira RFEF tamén estará presente en Pasarón co Pontevedra-Barakaldo e na Segunda RFEF destaca o Sarriana-Sámano. No polideportivo regresa o baloncesto feminino tras o paro pola disputa da Copa da Raíña e desta volta os representantes galegos xogan na casa co Ensino recibindo en Lugo o Leganés, mentres o Baxi actúa de local en Ferrol ante o Xirona.

Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce do mediodía con seguimento ao Atlético de Madrid-Deportivo da Coruña, da Primeira División feminina, e o Arenteiro-Arenas de Primeira RFEF. A partir das dúas e cuarto da tarde tomará o mando o fútbol profesional, coa visita do Celta a Mestalla días antes de xogar en Alemaña ante o Friburgo a ida dos cuartos de final da Europa League. Ao remate chegará o fútbol das categorías da RFEF, co Lugo-Osasuna B e Avilés-Ourense na Primeira, mentres na Segunda o Coruxo recibe o Marino, a U. D. Ourense xoga no Couto ante a Segoviana e o líder, o Fabril Deportivo, visita o filial do Burgos. O baloncesto tamén estará presente durante a tarde, co Valencia-Breogán na Liga ACB e o Obradoiro-Palencia na Primeira FEB. O Domingo de Pascua tamén terá oco para o balonmán, co Cangas-Alacant desde o pavillón do Gatañal.

#GaliciaEnXogo

A última hora do domingo é o momento de abrir o ‘Galicia en goles’ a outros contidos deportivos. Rodrigo Pérez e Toni López García comparten sesenta minutos semanais para poñer en valor o proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo. Ás once da noite o protagonista é o motor con toda a actualidade dos rallys galegos e ás once e media os oíntes poderán descubrir a novos valores do noso deporte que teñen a ilusión de chegar no 2028 a participar nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles.           

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade