div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O Deportivo-Leganés abre o venres as retransmisións de ‘Galicia en goles’

Celta-Elx, partido da xornada na sobremesa do domingo

csag.gal 29/04/2026 17:30

Santiago, 29.4.2026.-  A Radio Galega abre a súa programación deportiva da fin de semana ás seis da tarde do venres co partido que disputa o Deportivo da Coruña en Riazor fronte ao C. D. Leganés na xornada 38 da Segunda División. A cita chega nun momento de máxima tensión na clasificación cos herculinos terceiros a dous puntos do ascenso directo, mentres os madrileños aínda non teñen garantida a permanencia. Roberto Carlos Carballo repartirá xogo desde os estudios centrais, con Javi Torres, Fernando Romero, Xosé Manuel Traba e Mr Asubío comentando todo que pase sobre o terreo de xogo. O  programa tamén atenderá ao Celta Fortuna-Osasuna B, da Primeira RFEF, xunto ao peche da liga regular de hóckey sobre patíns co Liceo-Alcoi no palacio dos deportes. 

O sábado, o ‘Galicia en goles’ comeza ás dúas e cuarto da tarde e non se detén ata a medianoite. A primeira sesión estará protagonizada polo derbi Racing Club Ferrol-Pontevedra C. F., cos departamentais apurando as últimas opcións de fase de ascenso ante un rival que ocupa a quinta praza na táboa. A segunda entrega resérvase ao baloncesto, coa visita do Obradoiro ao Cantabria co obxectivo de gañar para meterlle presión ao Basquet Coruña, que xoga o domingo en Palma. O derbi de fútbol sala na Malata entre O Parrulo Ferrol e o Noia completa a axenda do día.

Xa o domingo, a edición matinal comeza ás doce do mediodía co desenlace da liga de Segunda RFEF. Co Fabril campión e ascendido á Primeira RFEF e coa U. D. Ourense clasificada para a fase de ascenso, falta saber si a Sarriana é quen de evitar o descenso e si o Coruxo logrará entrar entre os cinco mellores. A partir das dúas menos cuarto, Balaídos converterase no principal punto de directo, co Celta-Elx da Primeira División. O cadro vigués acumula 44 puntos en 33 partidos, con 11 vitorias, 11 empates e 11 derrotas, pelexando co Getafe pola praza de Europa League ou Conference.

Despois do fútbol de Primeira compartirán protagonismo as ligas da Federación de fútbol e balonceso. En Lezama, Athletic Club B-Ourense C. F. na Primera RFEF, coa importancia da permanencia do conxunto ourensá en xogo. Mentres, o Basquet Coruña visita ao Palma coñecendo o resultado do Obradoiro para trazar o obxectivo durante os corenta minutos de xogo. A ACB tamén estará presente co Baskonia-Breogán en Vitoria, onde os galegos afrontarán unha xornada tranquila ao ter garantida xa a permanencia na elite unha temporada máis.

A Radio Galega, ademais, sumarase desde este domingo e ata o mércores á cobertura da Volta Ciclista a España feminina. A primeira etapa desenvólvese entre Marín e Salvaterra de Miño, cun final que picará cara a arriba, o que dificultará unha chegada masiva ao sprint. A edición deste ano, que conclúe no mítico Angliru o sábado 9 de maio, presenta o trazado máis esixente da súa curta historia e conta coa presenza de figuras como o ouro olímpico e vixente campioa do Tour de Francia Pauline Ferrand-Prévot.

#GaliciaEnXogo

Na última hora do domingo, de once a doce da noite, o proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo dedicará 30 minutos a actualidade do motor con Rodrigo Pérez Pardo e outra media hora da man de Toni López poñendo en valor aos deportistas galegos que soñan con competir nos Xogos dos Ánxeles 2028.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade