O derbi entre o Pontevedra e o Rácing de Ferrol, primeira retransmisión deportiva da G2 no 2026 - CSAG
O derbi entre o Pontevedra e o Rácing de Ferrol, primeira retransmisión deportiva da G2 no 2026
Os dous equipos comezan o ano en postos de promoción de ascenso ao fútbol profesional

Santiago, 2.1.2026.- Este sábado a segunda canle da Televisión de Galicia retransmitirá un dos derbis máis atractivos do noso fútbol. A partir das catro e media da tarde, Pontevedra e Rácing de Ferrol iniciarán o 2026 xogando tres puntos que servirán para asentarse na zona privilexiada da clasificación do grupo primeiro da Primeira RFEF.
O Pontevedra chega a esta cita tras rematar o 2025 con vitoria ante o Barakaldo, sumando os nove últimos puntos disputados. O Rácing, mentres, pechou o ano perdendo en Avilés e así e todo avantaxa en tres puntos aos granates ocupando a terceira praza. No primeiro cuadrimestre do curso, o fútbol galego está sendo protagonista en positivo da categoría xa que nas cinco primeiras prazas aparecen o Celta Fortuna, o Rácing de Ferrol e o Pontevedra.
O domingo, a plataforma AGalega.gal reserva unha tarde de multifútbol a partir das cinco. Na Ribela, derbi galego entre a Sarriana e o Bergantiños. Os de Carballo queren comezar o 2026 reafirmándose na zona de promoción de ascenso, mentres os locais necesitan os puntos para evitar achegarse á zona de descenso. No Vao, o Coruxo recibe ao filial do Burgos co obxectivo de sumar a vitoria e optar incluso á quinta praza que da dereito a disputar a fase de ascenso á Primeira RFEF.
‘En Xogo’
Desde este domingo, o histórico programa ‘En Xogo’ emitirase na segunda canle da Televisión de Galicia e na plataforma AGalega.gal a partir das dez e vinte e cinco minutos da noite. Gustavo Varela seguirá acompañado por Roberto Lago, Dani Mallo e Xabier Rodríguez Campos para analizar os resultados dos equipos galegos nas categorías nacionais.
Esta xornada a atención estará posta no Celta-Valencia, da Primeira División, e no Deportivo-Cádiz, da Segunda. Ademais, o espazo ofrecerá todos os goles dos encontros da Primeira e Segunda Federación.
Deportes nos telexornais da TVG
Durante a fin de semana, os espectadores da primeira canle da Televisión de Galicia dispoñen dunha ampla información nos espazos de deportes dos telexornais ‘Bos Días’, ‘Mediodía’ e ‘Serán’. Ademais dos resumos dos partidos de fútbol, os espectadores contarán coas imaxes máis destacadas nas citas do baloncesto galego: Breogán-Unicaja, Basquet Coruña-Cantabria, Palencia-Obradoiro, Estudiantes-Ourense, Baxi Ferrol-Joventut e Estudiantes-Ensino.
Redes sociais e G24.gal
As contas de Instagram, Facebook e X de ‘En Xogo’ actualizan ao momento todo o que sucede no noso deporte. Mesmo na web G24.gal, os afeccionados poden visualizar aos poucos minutos do remate os resumos dos partidos das ligas profesionais de fútbol con atención especial aos partidos do Celta e do Deportivo.