div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

O fútbol das ligas da Federación e o Barça-Dépor feminino protagonizan a fin de semana deportiva na G2 e AGalega.gal

O Mundial de Motocrós estará presente o domingo co Gran Premio de Portugal

crtvg.gal 02/05/2025 11:00

Santiago, 02.05.2025.-    A grella deportiva na segunda canle da Televisión de Galicia e na plataforma AGalega.gal presenta esta fin de semana unha ampla oferta futbolística. O sábado, ás 17:00 h, o campo da Grela acollerá o Silva-Arousa da Terceira RFEF, co equipo de Vilagarcía en racha e decidido a garantir a quinta praza que conduce á fase de ascenso. Ás 19:00 h chegará a Primeira RFEF co Ourense C. F.-Cultural Leonesa no estadio do Couto, onde os seareiros locais poderán ver en acción o actual líder e, seguramente, novo equipo do fútbol profesional nas próximas semanas.

O domingo, a sesión das 12:00 h terá ata un total de catro partidos en formato multifútbol, conectando co final da liga regular na Segunda RFEF: Fabril-Torrelavega, Compostela-Valladolid Promesas, Guijuelo-Coruxo e Escobedo-Llanera, que afecta os intereses do equipo da capital de Galicia na pelexa por evitar o descenso automático á Terceira RFEF.

Pola tarde, ás 17:30 h tomará o mando a Primeira División feminina coa visita do Deportivo da Coruña ao líder, o F. C. Barcelona, no estadio Johan Cruyff. Xa ás 19:30 h, Balaídos acollerá o Celta Fortuna-Osasuna Promesas nunha boa ocasión para o equipo de Fredi de certificar a permanencia e achegarse á zona de promoción de ascenso.

Ademais, o Mundial de Motocrós volve ao domingo, tras ter xornada o luns da Pascua en Suíza. O vigués Rubén Fernández compite desta volta en Portugal e os afeccionados poderán ver en directo a súa actuación. A primeira manga ofrecerase en directo a través da G2, desde as 15:00 h, e a segunda, por AGalega.gal, a partir das 18:00 h.

En Xogo

O programa ‘En Xogo’ resumirá o domingo pola noite, desde as 22:25 h, todo o sucedido durante a fin de semana. Os espectadores atoparán na G2 os resumos máis completos dos partidos Real Madrid-Celta, Deportivo-Albacete e Rácing de Ferrol-Almería, coas opinións dos exfutbolistas Roberto Lago e Dani Mallo. Ademais, o equipo de Deportes da CRTVG ofrecerá todos os goles da Primeira, Segunda e Terceira RFEF.

Deportes nos Telexornais

O sábado e o domingo, a primeira canle da Televisión de Galicia ten reservados amplos espazos de información deportiva nos espazos informativos ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Telexornal Serán’. Nestas tres citas, a audiencia atopará a última hora dos equipos galegos antes de saltar aos campos de xogo e as primeiras imaxes cos goles unha vez rematados os partidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade