O filme 'Romaría', apoiado pola TVG, competirá na sección oficial de Cannes - CRTVG
O filme 'Romaría', apoiado pola TVG, competirá na sección oficial de Cannes
A directora Carla Simón reflexiona sobre a memoria e as relacións familiares, con Llúcia Garcia Torras, Mitch e Tristán Ulloa, nos papeis principais
O Festival Internacional de Cinema de Cannes chegará aos cines o 5 de setembro e, posteriormente, emitirase na TVG e en AGalega.gal

Santiago, 10.04.2025.- A longametraxe ‘Romaría’, participada pola Televisión de Galicia, foi seleccionada para a competición oficial do Festival Internacional de Cinema de Cannes, que se desenvolverá entre o 13 e o 25 de maio. Esta reflexión sobre a memoria familiar, a terceira longametraxe de Carla Simón, tras ‘Alcarràs’ e ‘Estiu 1993’, estrearase nos cinemas o 5 de setembro e, posteriormente, emitirase na Televisión de Galicia e a través da plataforma AGalega.gal.
Protagonizada pola debutante Llúcia Garcia Torras, xunto a Mitch e Tristán Ulloa, conta tamén no elenco con Celine Tyll, José Ángel Egido e as actrices galegas Miryam Gallego, Janet Novás e Sara Casasnovas. A historia comeza con Mariña (18), unha rapaza adoptada de pequena, que viaxa a Vigo para atoparse por primeira vez coa familia do seu pai biolóxico. A súa chegada tráelle de volta un pasado xa enterrado. Guiada polo diario da súa nai e a través dunha conexión especial co seu novo primo, Mariña descubrirá as feridas familiares e poderá por fin revivir a memoria fragmentada duns pais dos que apenas ten recordos.
A cineasta segue explorando en ‘Romaría’ as relacións familiares inspirándose esta vez nas orixes da súa familia biolóxica paterna. Con esta historia, Carla Simón pretende recuperar o legado dunha xeración esquecida, que sufriu a adicción á heroína e a aparición dun novo virus coa estigma da sida.
Rodada en diferentes localizacións de Vigo, a película está producida por Elastica, en coprodución con Ventall Cinema, Dos Soles Media e Romería Vigo, A. I. E. Conta con financiamento do Goberno de España, Eurimages, l’Institut Català de les Empreses Culturals, cofinanciado pola Unión Europea coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais - Xunta de Galicia, Filmförderungsanstalt (FFA), MOIN Filmförderung, Europa Creativa MEDIA, Comunidade de Madrid, Radio Televisión Española, Movistar Plus+, ZDF/ARTE, Netflix, 3Cat, Corporación Radio e Televisión de Galicia, mk2 films, Ad Vitam, The Post Republic e Piffl Medien.