O 'Galicia en Goles' dedica esta fin de semana máis de 24 horas ás coberturas do Celta-Sevilla e do Valladolid-Deportivo - CSAG
O 'Galicia en Goles' dedica esta fin de semana máis de 24 horas ás coberturas do Celta-Sevilla e do Valladolid-Deportivo
O final da Primeira RFEF e o baloncesto, cos compromisos do Breogán e do Básquet Coruña, serán outros argumentos deportivos na Radio Galega e AGalegaAudio.gal

Santiago, 22.05.2026.- O deporte galego asiste esta fin de semana a unha xornada que pode ser histórica para o fútbol galego. O Celta e o Deportivo están a un partido de cumprir os obxectivos máis ambiciosos da temporada e a Radio Galega e AGalegaAudio.gal despregarán amplos dispositivos, programando unha cobertura de máis de 24 horas entre a tarde do venres e a noite do domingo.
O venres, de 20:30 a 00:00 h, a atención estará posta no baloncesto coa retransmisión do terceiro partido dos cuartos de final polo ascenso á Liga ACB entre o Menorca e o Básquet Coruña. Outro punto informativo estará no Cidade Real-Cangas, da penúltima xornada da Liga Asobal, en que o equipo galego está pelexando pola permanencia.
O sábado será o día grande do Celta. A partir das 14.15 e ata as 01:00 h, o equipo deportivo da Radio Galega contará primeiro a festa nos exteriores de Balaídos e logo todo o que suceda no partido ante o Sevilla, da última xornada na Primeira División. Os celestes, que acaban de renovar a Iago Aspas, necesitan un punto para garantir a sexta praza da clasificación e acceder por segunda temporada consecutiva á Europa League. No peor dos casos, o equipo remataría na sétima posición e disputaría a terceira competición continental, a Conference League. Os micrófonos da Radio Galega estarán en todos os actos da celebración, que podería rematar de madrugada tras a tradicional visita á praza América.
Ademais, o programa prestaralle atención especial á última xornada da Primeira RFEF, con horario unificado ás 18:30 h. O Pontevedra recibe en Pasarón o Real Avilés Industrial coa necesidade de sumar os tres puntos para entrar na fase de ascenso á Segunda División. Mentres, o Celta Fortuna viaxa a Barakaldo a polo punto que lle falta para entrar no playoff como segundo e ter a vantaxe de campo. Por último, o Ourense C. F. está obrigado a derrotar o campión, o Tenerife, e que axuden outros resultados para evitar o descenso. O fútbol de ascenso á Segunda RFEF terá cobertura no estadio Vero Boquete e no campo Ponte dos Brozos, onde se deciden as primeiras eliminatorias de cuartos de final: Compostela-Vilalbés e Arteixo-Estradense.
O baloncesto completará a axenda do sábado coa visita do Breogán ao Unicaja Málaga. É a última visita do curso do equipo que adestra Luís Casimiro, ante un rival que atravesa por unha profunda crise de resultados e que apura neste compromiso as últimas opcións para entrar nos playoff polo título da Liga ACB.
Xa o domingo, o ‘Galicia en Goles’ centralizará a súa emisión desde a explanada de Riazor, onde se situará a fan zone do partido máis importante dos últimos anos para o Deportivo: a visita ao Real Valladolid. O equipo que prepara Antonio Hidalgo está a unha vitoria de certificar de xeito matemático o regreso á Primeira División oito anos despois. Mesmo podería valerlle outro resultado, pero aí xa dependería do que fagan os seus perseguidores: Almería, Málaga e As Palmas. Ao remate dos 90 minutos e se os herculinos logran o ascenso, o programa activará unha ampla despregadura pola cidade con unidade informativa na fonte de Catro Camiños, símbolo das celebracións nas últimas décadas.
Durante a tarde, o programa tamén atenderá á ida da final de ascenso á Primeira RFEF no Couto entre a Unión Deportiva Ourense e o Conquense, xunto á final da European Cup de balonmán na Sangriña, onde o Guardés defende a renda de catro goles obtida en Eslovaquia ante o Michalovce para proclamarse campión do torneo continental.