div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O macabro crime de Monfero e a lenda da aldea maldita de Abuín, protagonistas esta noite en 'Expediente Oculto'

O programa tamén abordará as novas medidas de protección contra a submisión química, como as pulseiras sentinela

csag.gal 30/03/2026 02:00

Santiago, 30.03.2026.-    Na súa edición deste luns, o programa ‘Expediente Oculto’ (22:40 h) vai abrir o expediente dun crime en que dar a luz unha nova vida supuxo, para unha moza de Monfero, asinar a súa sentenza de morte. Vanesa e Isabel, amigas nun principio, vítima e verdugo despois, son as protagonistas desta película de terror, un macabro caso acontecido en 2002, do que hoxe ademais se achegarán imaxes exclusivas. É a historia dunha obsesión enfermiza por ser nai, que desembocou nun embarazo finxido, un bebé roubado e un cadáver oculto nunha tumba compartida cun can. A desaparición dunha nai e do seu bebé, que a terra tragou sen deixar pistas, marcou o inicio dunha investigación que acabou cunha familia enteira sentada no banco.

Por outro lado, o espazo presentado por Patricia Abet convidará os espectadores da TVG a trasladarse a unha aldea sobre a que, conta a lenda, recaeu unha maldición secular: a antiga aldea de Abuín, en Rianxo. ‘Expediente Oculto’ visitará as ruínas deste lugar abandonado, onde non se sabe o que ocorreu entre os séculos XIV e XV, cando desapareceron todos os seus habitantes despois de asaltar o mosteiro de Armenteira nun momento de fame negra.

Na mesa de actualidade, porase o foco na submisión química, unha técnica por desgraza cada vez máis habitual, e nas novas medidas de prevención, como as pulseiras sentinela. Este accesorio antidroga, deseñado para utilizar sobre todo en espazos de ocio, detecta ata 22 tipos diferentes de sustancias. Basta con portar a pulseira e, no caso de ter sospeitas, realizar a proba.

Estes tres asuntos serán analizados no estudio de ‘Expediente Oculto’ polos colaboradores Jorge Sobral, Jorge Melchor, Marcos Martínez Manteiga, Carlos Tresandí, Juan Pablo Sangiao e José Antonio Vázquez Taín.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade