O mes de agosto comeza na TVG cun novo partido de pretemporada do Deportivo, que este sábado se medirá ao St. Pauli alemán - CSAG
O mes de agosto comeza na TVG cun novo partido de pretemporada do Deportivo, que este sábado se medirá ao St. Pauli alemán
A partir das 18:30 h e a través da primeira canle e de AGalega.gal, os espectadores poderán ver o cuarto partido preparatorio do equipo coruñés, o primeiro da súa xira internacional
A fin de semana deportiva completarase con traiñeiras, desde Redondela, Santurce e Lekeitio, e co Campionato do Mundo de Motocrós, desde o mítico circuíto de Lommel, en Bélxica, onde se disputa o Gran Premio de Flandes

Santiago, 31.07.2026.- Na primeira fin de semana do mes de agosto, o fútbol, as traiñeiras e o motocrós volverán protagonizar a oferta deportiva dos medios públicos galegos.
Este sábado, ás 18:30 h e a través da primeira canle da TVG e de AGalega.gal, os espectadores poderán continuar seguindo a pretemporada do Deportivo da Coruña, que, despois de tres partidos en chan español, comeza unha xira internacional que terá unha primeira parada en Hamburgo para enfrontarse no Millerntor Stadion ao FC St. Pauli, un equipo que acaba de descender da Bundesliga.
A cita suporá unha nova proba de esixencia para o equipo coruñés, que de momento conta os seus partidos de pretemporada por vitorias, no seu camiño cara ao inicio da competición oficial, ademais dunha oportunidade para medirse cun rival do fútbol alemán nun dos estadios con maior personalidade do país. O partido tamén terá unha marcada compoñente histórica para o deportivismo, xa que suporá o regreso do Dépor á cidade de Hamburgo máis dun cuarto de século despois da súa última visita, que tivo lugar na temporada 2000-2001, durante a fase de grupos da Liga de Campións. Naquela ocasión, o conxunto branco e azul empatou 1-1 fronte ao Hamburger SV.
Despois de xogar contra o St. Pauli, os de Hidalgo realizarán unha minixira por Italia con dous amigables de primeiro nivel. O primeiro rival será a Fiorentina, á que se medirá o vindeiro xoves no Stadio Curva Fiesole, á que o sábado 8 de agosto seguirá o Genoa, nun encontro que se disputará no Stadio Luigi Ferraris. Estes compromisos amigables tamén poderán verse na Televisión de Galicia, que este verán está a ofrecer, de xeito íntegro, a pretemporada do Deportivo.
Previamente ao fútbol, a G2 e a plataforma dixital ofrecerán unha nova xornada de traiñeiras. As ligas Euskotren e Eusko Label chegan este sábado a Santurce, cuxo campo de regatas se presenta, unha vez máis, como un dos escenarios máis esixentes do calendario de remo. Ás 17:15 h retransmitirase a bandeira feminina e, a partir das 18:20 h, vogarán as embarcacións masculinas.
As traiñeiras tamén serán as protagonistas da mañá do domingo. Ás 10:15 h, en directo por AGalega.gal, poderase ver a Bandeira Concello de Redondela, unha nova proba da Liga Galega de Traiñeiras. A regata ofrecerase en diferido pola tarde a través da segunda canle da TVG.
A partir das 11:15 h, a atención trasladarase á localidade biscaíña de Lekeitio, outro campo histórico da Liga ACT. A esa hora disputarase a regata feminina, á que seguirá, ás 12:20 h, a proba masculina.
A xornada deportiva dominical completarase co Campionato do Mundo de Motocrós, que afronta a súa décimo cuarta proba no mítico circuíto de area de Lommel, en Bélxica. O Gran Premio de Flandes está considerado a cita máis dura e esixente do calendario, pola súa superficie fonda e cambiante, que supón un desafío tanto para os pilotos como para as motos, converténdoa nunha verdadeira proba de rendemento. As dúas mangas da carreira emitiranse ás 14:00 e ás 17:00 h, respectivamente.