O Teatro Colón da Coruña acolle a presentación de 'Decorado', a nova cinta de Alberto Vázquez, participada pola TVG - CSAG
O Teatro Colón da Coruña acolle a presentación de 'Decorado', a nova cinta de Alberto Vázquez, participada pola TVG
O director de éxitos como ‘Birdboy’, ‘Psiconautas’ e ‘Unicorn Wars’ asina unha fábula escura e hipnótica sobre o control social e o artificio da vida que chegará aos cines o vindeiro día 24

Santiago, 14.10.2025.- O Teatro Colón da Coruña acolle este martes a primeira proxección en Galicia de ‘Decorado’, o agardado novo traballo de Alberto Vázquez. A cinta, que conta coa participación da Televisión de Galicia, combina sátira, surrealismo e humor negro, cun enfoque mordaz sobre a existencia humana. Chegará ás salas de cine o día 24, e en Santiago, Ferrol, Lugo e Vigo, entre outros lugares, poderá verse en galego.
Alberto Vázquez, responsable de éxitos como ‘Birdboy’, ‘Psiconautas’ e ‘Unicorn Wars’ e gañador de catro Premios Goya, asina unha fábula escura e hipnótica sobre o control social, o artificio da vida e a fraxilidade das nosas certezas. Na preestrea, celebrada hoxe na Filmoteca da Galicia, participaron Alberto Vázquez e os produtores Chelo Loureiro (Abano Producións) e Iván Miñambres (UniKo), así como Jacobo Sutil, director de AGADIC, e Marta Fernández, xefa de Comunicación Corporativa da CSAG.
O protagonista de ‘Decorado’ é un cidadán aparentemente corrente que comeza a sospeitar que todo ao seu arredor -o seu traballo, a súa parella, a súa cidade- forma parte dunha xigantesca farsa. O que parece unha paranoia cotiá convértese nunha fuxida desesperada cara a algo que se pareza, aínda que sexa un pouco, á liberdade.
Percorrido internacional
O filme tivo a súa estrea mundial en setembro na Sección Oficial do Fantastic Fest, un dos festivais do xénero máis importantes do mundo, en Austin (Texas, EUA) e no que acadou unha Mención Especial. Ottawa foi a seguinte parada do proxecto, á que seguiu a presentación no Festival de Sitges, e logo no BFI, o London Film Festival.
Televisión de Galicia segue apostando polo cine e confirmando cada ano a súa participación en novos proxectos. ‘Decorado’ foi unha das películas seleccionadas na convocatoria de apoio ao cine desenvolvida no 2024. Con guión de Alberto Vázquez e Francesc Xavier Manuel, ‘Decorado’ é unha produción de Abano Producións, Uniko, The Glow, María y Arnold A.I.E e Sardinha Em Lata. O proxecto conta co respaldo de TVG, RTVE, ETB, Movistar Plus+, ICAA, Agadic, a Deputación de Badaxoz, o Goberno Vasco e a Deputación Foral de Biscaia. A prestixiosa distribuidora Le Pacte encargarase das vendas internacionais da película.