div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O 'Telexornal Mediodía' emitirase en directo desde Ferrol este Venres Santo

Xunto ao repaso da actualidade, o informativo afondará na importancia da Semana Santa ferrolá e abordará o papel do sector naval, clave no desenvolvemento da cidade

A Televisión de Galicia continúa así coa súa aposta por achegar os informativos ao territorio e aos principais focos de interese do país

csag.gal 02/04/2026 11:05


Santiago, 01.04.2026.-    A Televisión de Galicia continúa coa súa aposta por levar os seus informativos ao territorio coa emisión este venres 3 de abril do ‘Telexornal Mediodía’ en directo desde Ferrol, coincidindo coa celebración do Venres Santo.

    A emisión terá lugar tras a procesión do Santo Encontro, un dos actos máis destacados da Semana Santa ferrolá, permitindo situar a actualidade nun contexto de especial relevancia cultural e social desde a praza en cuestión. O informativo estará presentado por Carlos Amado.

    Xunto ao repaso da actualidade, o programa incluirá contidos específicos centrados na cidade. Por unha parte, afondará na importancia da Semana Santa de Ferrol, declarada de Interese Turístico Internacional, destacando a participación de milleiros de confrades e o peso desta tradición no calendario local. Por outra, abordará o papel do sector naval, clave no desenvolvemento histórico e económico da cidade e actualmente nun momento de impulso marcado por novos encargos estratéxicos. 

    Esta emisión forma parte dunha liña de traballo que a TVG vén desenvolvendo ao longo da temporada, coa idea de achegar os informativos aos principais focos de interese informativo do país. Nos últimos meses, o ‘Telexornal Mediodía’ xa se desprazou a Lugo co gallo do inicio do curso de FP e regresou á cidade semanas despois para cubrir o San Froilán desde o Parque Rosalía. Tamén estivo presente na Toxa durante a celebración do Foro La Toja-Vínculo Atlántico e en Tui con motivo do 800 aniversario da súa catedral. Xa no arranque deste ano, os informativos trasladáronse á Coruña para seguir a Cabalgata de Reis e, semanas máis tarde, ao porto da cidade para abordar a actividade vinculada aos cruceiros. Máis recentemente, Vigo acolleu unha nova edición especial coincidindo coa Festa da Reconquista. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade