O tema 'Luz xigante', de Christian Pensado, gaña o concurso da Canción do Nadal da CRTVG - CRTVG
O tema 'Luz xigante', de Christian Pensado, gaña o concurso da Canción do Nadal da CRTVG
Os medios públicos galegos felicitarán as festas con esta melodía, que se poderá escoitar en todas as canles da Corporación
O xurado elixiu esta proposta por unanimidade e tamén seleccionou outras cinco finalistas nunha edición do certame que contou cunha gran variedade de estilos musicais
Santiago, 10.12.2024.- O tema ‘Luz xigante’, de Christian Pensado, é o gañador do concurso da Canción do Nadal da CRTVG. Será a melodía coa que os medios públicos felicitarán as festas a todos os galegos e galegas este 2024, xa que o tema gañador poderá escoitarse na TVG, a Radio Galega e nas redes sociais da CRTVG durante todo o Nadal.
O xurado, composto por Carolina Rubirosa, cantante e xurado de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’; Iago Pico, músico e tamén xurado deste programa; Fernando R. Ojea, director da Área de Contidos da CRTVG; Rosa Sierra, subdirectora de Programación e Emisións da TVG; Montse Besada, xefa de Contidos da TVG, e Natalia Penas, xefa de Programas da Radio Galega, elixiu por unanimidade esta proposta, da que destacaron que cumpre con todos os requisitos para ser unha canción ‘top’ do Nadal.
Entre as propostas recibidas na presente edición do concurso, o xurado seleccionou a gañadora e cinco finalistas, no canto de catro, o que dá idea da dificultade da elección, debido á grande calidade das cancións participantes. Os seus membros destacaron tamén a variedade de proxectos que se presentaron ao concurso en canto a estilos musicais, desde tradicionais e tipo panxoliña ata pop rock e urban.
O artista mazaricán Christian Pensado, que recibirá un premio económico de 1.500 euros, participou hai sete anos no concurso ‘Recantos’ de ‘Luar’, foi vocalista da orquestra Los Príncipes e actualmente desenvolve a súa carreira en solitario e está a preparar o seu primeiro disco.
Esta é a décima edición do concurso musical da CRTVG, que anteriormente gañaron, entre outros, o grupo Xeración M, coa canción ‘Soará o Nadal’; Noa, o seu pai Juan Antonio e o seu avó Arturo, co tema ‘‘Vivamos xuntos o Nadal’; a banda xuvenil King Kids, con ‘Un bo Nadal’; Iván Vale, coa canción ‘O meu Nadal perfecto’, e Kiko Bea, con ‘Un Nadal distinto’.