Os da Sariña conseguen o segundo bote da historia de 'Eu sei + ca ti', o concurso da sobremesa da TVG - CSAG
Os da Sariña conseguen o segundo bote da historia de 'Eu sei + ca ti', o concurso da sobremesa da TVG
O equipo formado por Pepa, Suso e Budiño levou o premio de 6.000 euros no programa emitido este venres
Presentado por Fran Nogueira, o programa emítese de luns a venres ás 15:45 h na Televisión de Galicia e tamén está dispoñible na plataforma AGalega.gal

Santiago, 07.11.2025.- Conseguir o bote do ‘Eu sei + ca ti’ non é tarefa doada, pero o equipo Os da Sariña demostrou este venres que non é imposible. O trío formado por Pepa (enxeñeira de software de 46 anos, natural de San Cibrao e veciña de Curtis), Suso (responsable de almacén de Carballo de 39 anos) e Budiño (terapeuta ocupacional de Santiago e con 38 anos de idade) fixo historia ao abrir a caixa forte e levar o premio máximo de 6.000 euros do popular concurso da Televisión de Galicia, producido por Voz Audiovisual.
Unidos por unha amizade que naceu cando se coñeceron como rivais no programa da TVG ‘A Sariña busca pretendentes’, o equipo destacou pola súa complicidade, sentido do humor e capacidade estratéxica. Durante as diferentes fases do concurso, mostraron un equilibrio perfecto entre coñecemento e diversión, conquistando tamén o público coa súa naturalidade e entusiasmo.
Con este triunfo, Os da Sariña convértense nos segundos gañadores do bote na historia de ‘Eu sei + ca ti’, despois de que Os Escalenos o lograran na primeira temporada. Desde a súa estrea, o formato xa leva repartidos máis de 30.000 euros en premios.
Presentado por Fran Nogueira, ‘Eu sei + ca ti’ combina cultura xeral, humor e entretemento en distintas probas que poñen a proba tanto a memoria como a rapidez dos concursantes. En cada programa, tres equipos de tres participantes cada un enfróntanse nunha serie de fases que combinan preguntas, probas e desafíos de enxeño. Cada día hai un premio directo de 200 euros para o equipo finalista, e a posibilidade de gañar o bote fixo de 6.000 euros se conseguen descifrar o código secreto. O concurso emítese de luns a venres ás 15:45 horas na TVG e tamén pode verse na plataforma AGalega.gal.