Os documentais e a diversidade protagonizan as novas estreas de AGalega.gal - CSAG
Os documentais e a diversidade protagonizan as novas estreas de AGalega.gal
Estarán dispoñibles ‘O país dos cen mil hórreos’ e ‘Dereito a amar’, no apartado documental, e a sección ‘Todas as cores do amor’
A plataforma incorpora tamén unha nova temporada de ‘O mellor tractor do mundo’, máis contidos de ‘Lambóns de viaxe’, capítulos de ‘Padre Casares’ e varias propostas cinematográficas

Santiago, 19.6.2026.- AGalega.gal continúa ampliando o seu catálogo cunha nova selección de estreas que inclúe ficción, documentais e programas de entretemento. Coincidindo coa celebración da Semana do Orgullo 2026, a plataforma incorpora tamén novos contidos relacionados coa diversidade afectivo-sexual e de xénero. Estas novidades súmanse á cobertura dos grandes eventos semanais da grella da TVG, como o especial de San Xoán, a Romaría do Corpiño ou as retransmisións deportivas que a plataforma ofrece en directo.
Entre as incorporacións destacadas figura a estrea de dous documentais. O mércores 24 chegará ‘O país dos cen mil hórreos’, unha viaxe pola historia, a evolución e a diversidade destas construcións tradicionais, símbolo do patrimonio cultural galego.
Uns días despois, o venres 26, estrearase ‘Dereito a amar’, unha achega íntima á realidade das persoas maiores LGTBIQ+, centrada nas súas experiencias de vida, identidade, envellecemento e pertenza. Este documental estará dispoñible durante 21 días. A plataforma incorporará tamén o luns 22 ‘Todas as cores do amor’, unha nova sección dedicada a contidos relacionados coa diversidade afectivo-sexual e de xénero.
O martes 23 estarán dispoñibles novos capítulos de ‘Lambóns de viaxe’, o videopodcast presentado por Carlos García Verdugo, que propón descubrir destinos e experiencias sen saír da casa. Ademais, o luns 29 estrearase unha nova temporada de ‘O mellor tractor do mundo’, o formato dixital que percorre Galicia para coñecer as historias, habilidades e tractores das persoas candidatas a esta singular distinción, coa participación do público na elección final e un novo episodio cada luns.
As novidades complétanse con novos capítulos de ‘Padre Casares’, dispoñibles desde o xoves 18. A popular serie segue as peripecias dun novo cura destinado a unha vila costeira, onde terá que convivir e confrontar as súas diferenzas co alcalde local, un declarado ateo e marxista.
No apartado cinematográfico, AGalega.gal ofrecerá varias estreas ao longo dos próximos días. O venres 19 chegará ‘A morte chega a Venecia’, dispoñible durante 30 días, unha intriga arredor da investigación dunha viúva que, tras a morte do seu marido nun canal veneciano, descobre unha trama relacionada coa falsificación e o roubo dunha obra de Botticelli. O sábado 20 incorporarase ‘A cea perfecta’, tamén dispoñible durante 30 días, a historia de dúas persoas cuxas vidas están relacionadas co mundo da alta gastronomía. Finalmente, o xoves 25 estrearase ‘Crónica dunha relación pasaxeira’, que relata o inesperado vínculo que xorde entre unha nai solteira e un home casado que inicialmente buscan unha relación sen compromiso sentimental.